A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés refrenda a continuidade asistencial de atención primaria no consultorio de Pontesampaio

Redacción
  • –      Dende hoxe, 1 de setembro, presta servizo ordinario coa reincorporación postvacacional do facultativo de Medicina Familiar e Comunitaria
  • –      Dita confirmación por parte da Área Sanitaria prodúcese para desmentir informacións infundadas que referían un peche definitivo deste consultorio pontevedrés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés refrenda a continuidade asistencial de Atención Primaria no consultorio pontevedrés de Pontesampaio, que dende hoxe, 1 de setembro, presta servizo médico ordinario coa reincorporación postvacacional do facultativo de Medicina Familiar e Comunitaria.

Dita confirmación por parte da Área Sanitaria da continuidade asistencial nesta dependencia de Atención Primaria prodúcese para desmentir informacións infundadas que referían un peche definitivo deste consultorio pontevedrés.

Cómpre lembrar que durante todos os días do mes de agosto, o devandito consultorio de Pontesampaio tamén dispuxo da prestación asistencial dunha profesional de Enfermaría e dun efectivo de servizos xerais -PSX-, ademáis das dúas semanas de prolongación de xornada do médico de familia durante o recén rematado mes.

Planificación estival de Atención Primaria

O Servizo Galego de Saúde lembra que dispón dunha planificación estival de Atención Primaria na súa rede de centros de saúde desta Área Sanitaria -entre os que se atopa o consultorio de Pontesampaio- na que xestiona os recursos dispoñibles para garantir unha continuidade asistencial compatibilizando ao mesmo tempo o dereito dos profesionais ao seu descanso vacacional.

Para planificar as coberturas vacacionais dos efectivos de Atención Primaria, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reitera que a prioridade administrativa e organizativa é tratar de aportar substitutos. Ante a imposibilidade de cobrer a totalidade das ausencias estivais en todas as localidades -ben con profesionais das listaxes de contratación ou ben con persoal voluntario- óptase por efectuar ou prolongacións de xornada ou intersubstitucións (cando o resto de profesionais dun mesmo centro de Atención Primaria atenden provisionalmente o cupo das consultas de pacientes correspondentes ao profesional ausente).

Precisamente polo cronograma organizativo estival planificado pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés -coa inestimable colaboración e coordinación dos profesionais dos centros de saúde e o criterio técnico da Dirección- a cobertura asistencial de consultas de Atención Primaria e a atención das urxencias extrahospitalarias -PAC- está a manter durante o verán a súa continuidade operativa.

Comparte este artigo