A Área Sanitaria de Pontevedra- O Salnés manterá durante o vindeiro verán o 100% de capacidade de hospitalización ao igual que o pasado ano

adminON
Lectura mínima de 4

– Aínda así, o Plan de Adecuación de recursos asistenciais programado para a etapa estival na área estima unha utilización dun 90 % das súas camas de hospitalización

– Durante os meses do pasado verán de 2024 a porcentaxe de ocupación de camas               acadou no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra un 78 % en xullo, un 70 % en agosto e un 70 % en setembro, mentres que no Hospital do Salnés acadouse un 64 % en xullo, un 58 % en agosto e un 62 % en setembro dese ano

– Coma cada ano, a Área Sanitaria dispón dun plan de continxencia específico no       caso de que se precisara a utilización dun número de camas maior ao previsto

Ao igual que no período estival do pasado ano 2024, a Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés manterá durante o vindeiro verán a dispoñibilidade do 100% das camas nos hospitais Provincial, Montecelo e O Salnés para dar resposta asistencial ante calquera necesidade.

Aínda así, o Plan de Adecuación de recursos asistenciais programado para a inminente etapa veraniega deste ano 2025 na área de saúde estima unha utilización dun 90 % das súas camas de hospitalización nambos distritos sanitarios.

Dita planificación -realizada en base ao estudo pormenorizado da afluencia de pacientes durante esta época e que se efectúa e replanifica cada ano- permite asegurar as necesidades de cobertura asistencial dacordo coa previsión de demanda na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés e efectuar unha utilización racional dos recursos.

Ocupación de camas do pasado verán

Cómpre sinalar que a porcentaxe de ocupación de camas durante os meses do pasado verán de 2024 acadou no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra un 78% en xullo, un 70% en agosto e un 70% en setembro. Pola súa banda, no Hospital do Salnés acadouse nese período estival unha ocupación do 64% en xullo, un 58% en agosto e un 62% en setembro do pasado ano 2024.

O plan de adecuación estival dos recursos asistenciais planificado cada ano pola Área Sanitaria xustifícase pola coincidencia do período regulamentario no que a maioría de profesionais solicita o disfrute das súas vacacións e tamén pola diminución dos ingresos hospitalarios por procesos respiratorios. Estas premisas requiren cada verán efectuar unha programación previa, mantendo e adaptando os recursos asistenciais a unha realidade que se repite cada ano durante o período estival.

Dito plan de adecuación de recursos tamén posibilita que, ao longo dos meses deste vindeiro verán, se executen pequenas obras de mantemento e actuacións preventivas, reparadoras e de mellora en distintas unidades, unhas intervencións que durante outros momentos de maior ocupación ao longo do ano sería máis complicado acometer.

Plan de continxencia dispoñible

Coma cada ano, a Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés dispón dun plan de continxencia específico no caso de que se precisara a utilización dun número de camas maior ao previsto. Dito plan activaríase no caso de que o número de pacientes pendentes de ingreso sen cama asignada nos servizos de Urxencias hospitalarios se incrementara, repercutindo a ocupación global nos andares de hospitalización.

O plan de continxencia específico supón a dotación de efectivos para utilizar aquelas camas que foran precisas, garantindo a asistencia sanitaria pública de continuidade en calquera momento nambos distritos de Pontevedra e O Salnés.

Comparte este artigo