- Un encontro celebrado hoxe no Hospital Provincial e inaugurado polo xerente José Flores e a presidente da Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra, Mabel Avendaño, profundizou en eidos coma os tratamentos precoces, a saúde sexolóxica, a nutrición e os hábitos saudables no control deste tipo de doenzas
O salón de actos do Hospital Provincial de Pontevedra acolleu esta tarde unha xornada divulgativa organizada conxuntamente pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e a Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra -ASEARPO- que facilitou a pacientes e familiares unha visión actualizada e multidisciplinar sobre a abordaxe das patoloxías reumáticas.
A xornada divulgativa foi inaugurada polo xerente da Área Sanitaria, José Flores Arias, xunto á presidente de ASEARPO, Mabel Avendaño Fontán, e contou coa moderación e clausura da xefe do servizo de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario pontevedrés, a doutora Susana Romero Yuste. Na súa intervención, José Flores subliñou que “aínda que a artrite non ten actualmente un tratamento curativo, o maior coñecemento desta patoloxía nos últimos anos propiciou a chegada dos fármacos biolóxicos, que mudaron radicalmente o benestar dos pacientes”.
Nas intervencións inaugurais desta xornada tamén se avogou pola innovación, o diagnóstico precoz, a protocolización dos tratamentos e a continuidade no uso dos medicamentos biosimilares. Incidiuse así mesmo na importancia das asociacións de pacientes e o traballo que levan a cabo, achegando o seu coñecemento e experiencia á práctica clínica e organizando actividades valiosas de educación sanitaria para a cidadanía.
Tratamento precoz, sexoloxía e nutrición
A rolda de ponencias científicas comezou co relatorio da reumatóloga da Área Sanitaria Carmen Álvarez Regueira, quen incidiu na importancia do tratamento precoz nas enfermidades reumáticas e na artrite idiopática xuvenil para mellorar o prognostico a longo prazo dos doentes.
Seguidamente, o doutor Samuel Márquez Lavado abordou un eido clave para a calidade de vida dos afectados a través do relatorio Problemas sexolóxicos na artrite. Pola súa banda, a doutora Noelia Cabaleiro Raña pechou o bloque de ponencias, coa intervención Asesoramento e consellos de nutrición e microbiota para control da inflamación, destacando o papel dos hábitos saudables no manexo diario da dor e da inflamación.
Trala apertura dun turno de rogos e preguntas, onde os asistentes puideron resolver as súas dúbidas cos especialistas, a xefe de servizo de Reumatoloxía do CHUP pontevedrés, Susana Romero Yuste, deu por rematada esta xornada que refrendou o compromiso da Sanidade Pública coa divulgación e o acompañamento dos pacientes crónicos.

