No marco desta nova xuntanza deuse conta aos asistentes da situación actual do borrador e do proceso participativo que se ven desenvolvendo, ademais de analizar de forma pormenorizada os cinco obxectivos fundamentais que guiarán a estratexia
A Xunta continúa avanzando na elaboración da nova Estratexia da paisaxe galega horizonte 2030, que ten como obxectivo consolidar os avances acadados nun eido estratéxico para o desenvolvemento territorial así como dar resposta aos retos presentes e futuros.
Os traballos están a punto de entrar nunha segunda fase, que consistirá na coordinación interadministrativa das accións a desenvolver e na validación por parte dos distintos departamentos implicados co obxectivo de concluír o documento antes de final de ano.
Baixo a coordinación do Instituto de Estudos do Territorio (IET), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e competente na materia, a semana pasada volveuse convocar un taller co grupo de expertos en materia paisaxística que participan na súa redacción, entre os que figuran membros do Consello Asesor da Paisaxe, persoas de recoñecido prestixio no ámbito da protección e da xestión da paisaxe, especialistas en divulgación e formación nesta materia, representantes das tres universidades galegas, expertos a título particular e entidades naturalistas xunto con equipo técnico do IET que, no seu conxunto, se encargan de achegar coñecemento técnico e científico ao proceso.
En concreto, neste último encontro deuse conta aos asistentes da situación actual da estratexia e do proceso participativo que se ven desenvolvendo. Así mesmo, tamén se celebrou unha sesión de traballo cos equipos técnicos do IET na que se abordou unha análise pormenorizada dos cinco obxectivos fundamentais do futuro documento: avanzar na integración da paisaxe nas políticas sectoriais, protexela, xestionala de forma axeitada, ordenala e coordinar e sensibilizar á poboación nesta materia.
Ao mesmo tempo, durante a sesión de traballo avanzouse nos seis eixos arredor dos que xirará a nova planificación estratéxica así como no encaixe que terán as distintas accións dos departamentos da Xunta en materia de paisaxe dentro dos mesmos.
Precisamente, as vindeiras xuntanzas, que se prevén celebrar ao longo do mes de novembro, centraranse xa na coordinación e na validación das accións previstas entre os distintos departamentos, co fin de poder ter finalizado o documento este mesmo ano.
Cómpre subliñar que a Estratexia da paisaxe galega horizonte 2030 ten como finalidade definir os avances acadados ata o momento na materia; establecer os fundamentos conceptuais e normativos; identificar os retos actuais, e determinar tanto os obxectivos estratéxicos como os principios transversais da futura estratexia.
Ademais, será unha ferramenta clave para continuar impulsando políticas sostibles, inclusivas e territorialmente equilibradas. De feito, dará continuidade ao traballo xa desenvolvido neste eido polo Goberno galego e, ao mesmo tempo, contribuirá a responder aos novos desafíos emerxentes como, por exemplo, a crise climática, o despoboamento rural ou a dixitalización do territorio.
Esta nova estratexia —que será a quinta que se aprobe en Galicia e contará para 2026 cun orzamento global de 2.880.000 euros por parte do IET— ten como reto consolidar a paisaxe non só como valor ambiental, cultural e social, senón tamén como recurso estratéxico para un desenvolvemento territorial máis cohesionado, resiliente e sostible
Para iso, será fundamental seguir reforzando o seu enfoque transversal e integrador, un obxectivo para o que resulta clave garantir a coordinación entre os distintos departamentos da Xunta e fomentar a participación activa dos axentes sociais, económicos, institucionais e da cidadanía.



