O SERGAS e ASOTRAME asinan un convenio para impulsar o voluntariado e o apoio integral a pacientes oncohematolóxicos en Pontevedra

Redacción
  • –      O acordo, subscrito onte no Hospital Provincial polo xerente da Área Sanitaria, José Flores, e a presidente da Asociación Galega de Persoas con Enfermidades Oncohematolóxicas, Cristina Piñeiro, permitirá desenvolver programas de acompañamento, atención psicosocial e humanización no CHUP
  • –      Entre as iniciativas destacan o apoio entre iguais, obradoiros creativos nos andares de Hematoloxía e o acceso a un piso de estadía temporal para doentes e familiares que teñan que desprazarse para recibir tratamento

O Servizo Galego de Saúde e a Asociación Galega de Persoas con Enfermidades Oncohematolóxicas -ASOTRAME- asinaron onte no despacho da Xerencia do Hospital Provincial pontevedrés un convenio de colaboración para regular e potenciar o desenvolvemento de accións de voluntariado no ámbito da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Dito acto contou coa presencia do xerente da Área Sanitaria, José Flores Arias -en representación do conselleiro de Sanidade e presidente do SERGAS, Antonio Gómez Caamaño- e da presidente de ASOTRAME, Cristina Piñeiro Couce, quen estivo acompañada pola traballadora social e responsable de voluntariado da entidade, Alba García.

A sinatura deste acordo ten coma obxectivo principal facer máis levadía e humana a estancia dos pacientes ingresados por procesos oncohematolóxicos no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, así coma ofrecer un respaldo integral ás súas familias durante todo o proceso asistencial.

Programas de apoio

A través deste convenio, que terá unha vixencia inicial de catro anos, ASOTRAME porá en marcha diversas liñas de actuación desenvolvidas por persoal voluntario previamente formado e por equipos técnicos especializados.

Entre as iniciativas integradas destaca o proxecto de apoio entre iguais, que pon en contacto a persoas con diagnóstico recente con pacientes que xa superaron a enfermidade para compartir vivencias e ofrecer un espazo de escoita empática, tanto durante os ingresos hospitalarios coma fóra do Complexo ou en formato en liña.

Así mesmo, o programa Luces de cores levará obradoiros creativos, de expresión artística e musicais aos andares de Hematoloxía para combater a dureza dos ingresos prolongados e de datas sinaladas, coma o Nadal.

O convenio contempla tamén o desenvolvemento do proxecto Como na casa, que facilita unha vivenda de estadía temporal destinada a acoller de xeito gratuíto a pacientes e familiares que deban desprazarse desde outras zonas para recibir tratamento na área sanitaria, aliviando o impacto económico e emocional do desprazamento.

Esta cobertura compleméntase cos servizos de atención psicosocial e humanización, nos que profesionais de Psicoloxía e Traballo Social ofrecen orientación, asesoramento e apoio emocional para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas.

Alianza para avanzar na atención sanitaria

Coa formalización deste protocolo de colaboración onte no Hospital Provincial, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e a Asociación Galega de Persoas con Enfermidades Oncohematolóxicas -ASOTRAME- reforzan a súa alianza para avanzar nun modelo de atención sanitaria cada vez máis humano, solidario e próximo ás necesidades reais das persoas con cancro hematolóxico e do seu contorno familiar.

Comparte este artigo