- Ángeles Vázquez salienta que con estas achegas se desenvolverán 195 proxectos que inclúen accións como a compra de 18 camións adaptados para recoller e trasladar biorresiduos, máis de 2.450 contedores para estes refugallos e preto de 18.600 composteiros domésticos
- O Executivo galego tamén axuda a sufragar a adquisición e instalación de case 800 bidóns e contedores municipais para recoller aceites domésticos e 44 contedores de roupa así como o desenvolvemento de campañas de sensibilización neste eido
- A conselleira agradece á Deputación de Ourense o seu compromiso co axeitado tratamento dos refugallos e a aposta por estender a compostaxe polos concellos da provincia, contribuíndo á implantación dun sistema sostible de xestión de residuos
A Xunta apoia este ano ás entidades locais con algo máis de 8,1 millóns de euros en axudas para a implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de materia orgánica de orixe doméstica, aceites usados e residuos téxtiles. Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa visita a un punto de compostaxe comunitario instalado pola Deputación de Ourense na urbanización da Uceira, no concello do Carballiño.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou que a maior contía das axudas (7,66 M€) corresponde ás subvencións destinadas a recoller, separar e tratar a materia orgánica de orixe doméstica, que supón o 40% da bolsa de lixo tipo en Galicia, polo que é fundamental incidir na importancia de garantir a nivel municipal o seu correcto depósito e xestión.
Con este fin -tanto para a compostaxe do conxunto da cidadanía a nivel comunitario como de particulares- o Executivo galego sufragará a adquisición de 18 camións adaptados para recoller e trasladar biorresiduos, máis de 2.450 contedores para estes refugallos en espazos públicos e preto de 18.600 composteiros domésticos.
En canto ao depósito de aceites domésticos, a Xunta vai apoiar ás entidades locais na compra e instalación de case 800 bidóns e contedores municipais para a recollida destes residuos e fará o mesmo no caso dos téxtiles, subvencionando a adquisición de 44 contedores para a recollida de roupa. Estas medidas, promovidas grazas ás axudas do Executivo galego, veranse acompañadas por accións de difusión e sensibilización dirixidas ao conxunto da cidadanía para promover as prácticas responsables neste eido.
Achegas Deputación de Ourense
Á Deputación de Ourense concedéronselle dúas achegas que lle permitirán adquirir caldeiros domésticos, composteiros e a construción de áreas para promover a compostaxe comunitaria. Ao mesmo tempo desenvolveranse actuacións de formación e difusión co fin de consolidar e expandir a recollida selectiva de biorresiduos (contedor marrón) entre os grandes produtores de materia orgánica nos 14 concellos da provincia de Ourense con máis de 2.000 habitantes que teñen delegado o servizo na Deputación.
Con estas medidas de sensibilización búscase reforzar a concienciación e participación dos usuarios actuais e captar novos grandes xeradores de residuos orgánicos interesados en sumarse a esta práctica de recollida separada.
Por iso, Ángeles Vázquez agradeceu ao presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, o compromiso da entidade co axeitado tratamento dos residuos e a aposta por estender a compostaxe polos concellos da provincia, contribuíndo así á implantación dun sistema sostible xestión dos biorresiduos.
Outras axudas
A estes apoios para avanzar na xestión da materia orgánica, aceites e residuos téxtiles súmanse os correspondentes a outra orde de achegas, cun orzamento de 2,6 millóns de euros, para apoiar iniciativas coas que garantir unha correcta xestión das fraccións especiais que quedan fóra da recollida domiciliaria ordinaria e non se poden depositar en ningún dos contedores existentes.
Trátase de proxectos de mellora ou posta en marcha de diferentes tipos de puntos limpos, instalacións fixas ou móbiles nos que a cidadanía pode levar e depositar refugallos de moi diversa tipoloxía como aparellos eléctricos e electrónicos, pilas e baterías, mobles e artigos domésticos, restos de podas, vidro e madeira, entre outros.
Con estas achegas a Xunta cubre ata o 90% dos custos de adquisición de 89 puntos limpos de proximidade e 10 móbiles que prestarán o servizo de forma itinerante. Ademais, tamén se concederon axudas para obras de mellora ou ampliación de puntos limpos fixos xa existentes e para construír e mellorar instalacións de preparación para a reutilización e para a autorreparación de residuos domésticos.

