A Xunta publica unha guía pioneira en España para facilitar a avaliación ambiental dos proxectos e poñer en valor o seu impacto positivo no territorio

Redacción
  • Ángeles Vázquez incide en que o obxectivo desta ferramenta é contribuír a axilizar e completar a análise desde o punto de vista ambiental daquelas iniciativas baseadas no aproveitamento dos recursos naturais, reforzando á vez a seguridade xurídica
  • Lembra que Galicia foi a primeira comunidade en integrar por lei nos procedementos de tramitación medioambiental a valoración expresa dos servizos ecosistémicos que ofrece a natureza e que contribúen á saúde, ao benestar humano e á calidade de vida
  • Explica que esta guía proporciona tamén un marco de referencia común e homoxéneo co que traballar desde os órganos administrativos responsables de garantir o equilibrio entre a protección do medio natural e o desenvolvemento económico

A Xunta de Galicia pon á disposición das empresas promotoras e dos órganos administrativos competentes unha guía práctica, pioneira en España, para facilitar a análise dos posibles impactos ambientais, sociais e económicos derivados da implantación no territorio de proxectos industriais que basean a súa actividade na utilización ou aproveitamento dos recursos naturais da Comunidade.

Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que participou esta mañá na Cidade da Cultura no acto de presentación da Guía para a integración dos servizos ecosistémicos na avaliación ambiental, dispoñible desde hoxe para a súa descarga e consulta na plataforma GAIA.

No marco da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, en vigor desde finais do ano 2024, a responsable autonómica recordou que o seu departamento elaborou esta guía en base á experiencia adquirida e para facilitar a aplicación práctica da norma, a primeira en España que introduciu a obriga de integrar na avaliación ambiental deste tipo de proxectos non só os seus impactos directos sobre o medio senón tamén as consecuencias previsibles sobre o benestar humano, a saúde, a resiliencia dos territorios e a calidade de vida da cidadanía.

A introdución desta nova perspectiva na tramitación ambiental (que obriga a prestar especial atención aos servizos ecosistémicos, entendidos como os beneficios directos ou indirectos que obtén a poboación do bo funcionamento dos ecosistemas que a rodean) axuda a coñecer mellor o funcionamento de cada territorio e a ter en conta os impactos ou presións que pode producir sobre o seu capital natural un proxecto en particular.

En concreto, a súa inclusión é obrigatoria na valoración de infraestruturas de produción de enerxía a partir de fontes renovables, como parques eólicos, instalacións solares fotovoltaicas ou aproveitamentos hidroeléctricos; de iniciativas que requiran unha concesión de auga ou que estean relacionadas con dereitos e concesións mineiras, e de proxectos para o almacenamento de enerxía eléctrica ou térmica, entre outros. De feito, a conselleira indicou que este ano xa se ditaron varias declaracións de impacto ambiental de parques eólicos que incorporan unha análise específica dos servizos ecosistémicos.

Neste sentido, incidiu en que o obxectivo da nova guía é contribuír a completar a avaliación ambiental deste tipo de iniciativas tendo en conta tanto os seus posibles impactos no medio natural como os beneficios que proporcionan os ecosistemas nos que aspiran a desenvolver a súa actividade e que, polo tanto, cómpre protexer e conservar.

Con tal fin, tanto o promotor como os órganos de avaliación ambiental deberán identificar os servizos ecosistémicos presentes na contorna na que se pretende instalar o proxecto, describir o seu estado, avaliar os posibles efectos da actuación sobre eles e definir as medidas necesarias para previr, reducir, corrixir ou, de ser o caso, compensar os impactos. Ademais, deben identificarse as accións concretas, directas ou indirectas, destinadas á conservación, recuperación e uso sostible dos referidos servizos.

Galicia, abrindo camiño

Deste xeito, Galicia volve abrir camiño en materia de avaliación ambiental, xa que ofrece un manual práctico, con criterios claros e unha metodoloxía compartida, dispoñible para todos os axentes implicados na elaboración dos estudos de impacto ambiental e na tramitación dos proxectos, reducindo así consultas, requirimentos de información adicional ou solicitudes de emendas á documentación presentada. En consecuencia, axilizará a tramitación completa dos expedientes sen diminuír as garantías ambientais e reforzará a seguridade xurídica, tal e como demandan os promotores.

Neste sentido, Ángeles Vázquez incidiu en que facilitará tamén o traballo dos órganos encargados de emitir os informes preceptivos, porque contarán con documentación estruturada, homoxénea e suficiente para valorar de xeito adecuado os efectos dos futuros proxectos sobre o medio natural e os servizos que prestan os ecosistemas.

“Galicia necesita unha política ambiental que combine ambición na protección do territorio con rigor na toma de decisións. E esta guía contribúe a ese propósito”, argumentou a conselleira, que engadiu que a ferramenta presentada hoxe ante empresas, entidades e empregados públicos que recorrerán a ela no seu traballo diario estará “ao servizo dunha avaliación ambiental máis completa, transparente e consistente”.

Comparte este artigo