A Xunta destaca os máis e 9 M€ investidos en 23 novos obradoiros duais de emprego na provincia da Coruña para mellorar a empregabilidade e os servizos públicos

adminON
Lectura mínima de 5

― José González sinalou que estas iniciativas financiadas polo Goberno galego tamén reforzan a colaboración coas entidades locais e permiten que as persoas que participan nelas obteñan un certificado de profesionalidade

― O obradoiro Mancomunidade Ordes III -centrado no revestimento e pintura industrial e na carpintaría- recibiu unha axuda autonómica superior aos 531.000 euros e terá continuidade cunha nova edición que beneficiará outras 20 persoas desempregadas

― No marco da convocatoria de obradoiros duais deste 2024 desenvolveranse deica o vindeiro ano un total de 87 accións por máis de 36 M€ coas que se prevé beneficiar 1.706 persoas sen traballo en toda a Comunidade

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe en Ordes a estación de ferrocarril da Pontraga, rehabilitada a través do obradoiro de emprego dual Mancomunidade Ordes III, especializado en revestimento e pintura industrial e en carpintaría e que implica tamén os concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo. Alí puxo en valor o papel destes obradoiros na formación teórico-práctica para mellorar a empregabilidade das persoas participantes ao tempo que contribúen a mellorar servizos para a cidadanía nas zonas rurais, cun investimento deica o vindeiro ano 2025 superior aos 9 millóns de euros no conxunto da provincia da Coruña, nun total de 23 accións.

O conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, pola directora do obradoiro que está en execución, Iria Paro, pola presidenta da mancomunidade de municipios da comarca de Ordes, Susana García, polos alcaldes de Cerceda, Frades, Oroso, Tordoia e Trazo e por un representante municipal de Mesía, explicou que estas iniciativas, financiadas polo Goberno galego, tamén reforzan a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais.

Neste caso, o obradoiro Mancomunidade Ordes III beneficiouse dunha achega da Xunta de máis de 531.000 euros para o seu funcionamento, que abarca a 20 persoas ás que agradeceu e felicitou polo seu labor que se manterá deica novembro deste ano. González resaltou, ademais, que terá continuidade nunha nova edición, incidindo tamén na pintura industrial na construción e na instalación de elementos de carpintaría, cunha axuda autonómica de case 412.000 euros neste caso.

No presente obradoiro que está a piques de rematar, o titular de Emprego resaltou que as persoas participantes non só rehabilitaron a estación ordense visitada hoxe, senón tamén dous locais sociais: en Moar (Frades) e Oa (Trazo). Salientou que, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, estas persoas poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, bríndaselle a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses.

En relación coa convocatoria de axudas deste ano, en toda Galicia invístense máis de 36 millóns de euros para desenvolver 87 obradoiros de emprego dual cos que se prevé beneficiar 1.706 persoas sen traballo. A maiores dos 23 obradoiros que combinarán formación e traballo remunerado na provincia da Coruña, haberá outros 27 en Ourense, 20 en Pontevedra e 17 en Lugo.

Entre os sectores aos que fan referencia as accións, rexístranse en todas as provincias os relativos á atención sociosanitaria, aos distintos aspectos da construción, ao sector forestal ou de viveiros e xardíns e á limpeza. Na provincia da Coruña tamén contan con axuda para proporcionar formación e traballo remunerado no eido da comunicación web, por exemplo.

Impulso á empregabilidade e ás contornas rurais

Estes obradoiros duais poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal.

A convocatoria de axudas pon o foco na formación forestal e nas iniciativas centradas na posta en valor das rutas do Camiño de Santiago ou nas áreas declaradas Reserva da Biosfera. Tamén nas propostas de concellos fusionados ou emprendedores e de actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital, así como relacionadas co tecido empresarial e coas posibilidades de inserción futura.

Para acceder a estes obradoiros, priorízanse as persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional.

Comparte este artigo