A Xunta e o concello de Poio acordan a implantación dun servizo de interese municipal en agosto coa creación de dúas novas liñas

Redacción
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asina co alcalde de Poio, Ángel Moldes, e coa UTE XG-626 o convenio para a ampliación da oferta de transporte público no municipio
  • A Xunta aplicará ás novas liñas o sistema tarifario activo no resto da rede autonómica de transporte público, que permitirá manter as bonificacións e a gratuidade para menores de 21 e maiores de 65 anos

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo vén de asinar co alcalde de Poio, Ángel Moldes, e coa UTE XG-626 o convenio de colaboración para a posta en marcha dun servizo de interese municipal (SIMU), que permitirá ampliar a oferta de transporte público no municipio. Ao abeiro deste acordo, que entrará en vigor no mes de agosto, crearanse dúas novas liñas que operarán de luns a venres, en días non festivos.

A primeira ruta conectará a Ponte da Barca co Mosteiro de San Xoán de Poio. Entre os meses de setembro e xuño, a poboación do Concello de Poio terá á súa disposición un servizo de ida con saída da Ponte da Barca ás 09,40 horas e un no sentido contrario ás 12,40 horas. Durante a tempada estival, a ida adiantarase ás 09,20 horas e a volta ás 12,00 horas.

Pola súa parte, a segunda liña facilitará a mobilidade entre Alto Dorrón e o Mosteiro de San Xoán de Poio. No período comprendido entre setembro e xuño, crearase un servizo de ida con saída programada ás 10,30 horas desde Alto Dorrón e un de volta ás 13,30 horas. Nos meses de xullo e agosto, o horario de saída adiantarase ás 10,10 horas para o sentido de ida e ás 12,50 horas para o sentido contrario.

O convenio asinado manterá a súa vixencia durante catro anos e poderá ser obxecto de prórroga por un período máximo adicional de outros catro anos. O Concello de Poio asumirá a responsabilidade da financiación do SIMU, cuxo custo ascende a aproximadamente 69.000 euros.

A Xunta aplicará ás novas liñas o sistema tarifario vixente no conxunto da rede galega de transporte público. En consecuencia, as persoas usuarias poderán acollerse ás vantaxes previstas no sistema de bonificacións que o Goberno galego teña en vigor. Entre elas inclúese a gratuidade de ata 60 viaxes mensuais para as persoas menores de 21 anos mediante o uso da Tarxeta Xente Nova, así como a mesma bonificación para as persoas maiores de 65 anos a través da Tarxeta da Mobilidade de Galicia (TMG), coa aplicación da tarifa +65.

A implantación deste SIMU ten como obxectivo prioritario dar resposta ás necesidades de mobilidade da poboación do Concello de Poio. Así mesmo, prevese que esta actuación contribúa ao crecemento e ao desenvolvemento da economía local, favorecendo a creación de emprego e garantindo a sustentabilidade da comunidade.

A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta no portal web www.bus.gal.

Comparte este artigo