Un total de 366 estudantes de 27 centros participan na primeira edición do Desafío CiberFP para afrontar retos reais de ciberseguridade

Redacción
  • O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participou no lanzamento desta competición, na que se inscribiron 122 equipos de toda Galicia
  • Os participantes compiten en tres categorías: Explorador, Aventureiro e Experto
  • A iniciativa busca fomentar o talento dixital, desenvolver competencias tecnolóxicas e reforzar a conexión entre a FP e as necesidades das empresas

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participou hoxe no lanzamento da primeira edición do Desafío CiberFP, unha competición na que toman parte un total de 366 estudantes de 27 centros educativos galegos, organizados en 122 equipos e coa implicación de 50 docentes coordinadores dos mesmos. A iniciativa busca fomentar o talento dixital, desenvolver competencias tecnolóxicas e achegar a formación profesional aos retos reais da ciberseguridade.

O titular de Educación destacou que a ciberseguridade é un ámbito estratéxico para o presente e o futuro do tecido produtivo galego. “Nun contexto no que as empresas dependen cada vez máis dos seus sistemas dixitais, resulta fundamental contar con profesionais capaces de previr, detectar e responder ante posibles ciberataques”, sinalou. Neste sentido, puxo en valor o papel da FP na preparación destes profesionais e incidiu que “o Desafío CiberFP permite trasladar á aula situacións ás que se enfrontan as empresas na súa actividade diaria, ofrecendo ao alumnado a oportunidade de aplicar os seus coñecementos e desenvolver habilidades nun ámbito cada vez máis demandado”.

A competición está baseada na metodoloxía Capture The Flag, un formato no que os equipos deben superar probas técnicas e resolver desafíos de ciberseguridade en contornas simuladas. Os retos están inspirados en situacións profesionais reais, polo que os participantes poderán poñer a proba as súas capacidades de análise, resolución de problemas e resposta ante posibles ameazas dixitais.

Coñecemento desde o Centro de Innovación da FP

Ao acto formativo, que tivo lugar no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, asistiron representantes de empresas e entidades de referencia no ámbito da ciberseguridade, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e dos centros participantes, entre eles membros dos equipos directivos, profesorado coordinador e alumnado.

A xornada completouse con visitas guiadas ao CiberLabFP, o laboratorio avanzado de ciberseguridade do centro, inaugurado o pasado mes de abril e estreitamente vinculado á competición, que reproduce os contornos tecnolóxicos que o estudantado atopará no ámbito empresarial, onde as redes de xestión e os sistemas de control da produción industrial están cada vez máis interconectados.

Tres categorías segundo o nivel de coñecementos

O Desafío CiberFP conta con tres modalidades para facilitar a participación de alumnado con diferentes perfís formativos. A categoría Explorador está dirixida a estudantes de ciclos medios e superiores doutras familias profesionais. A categoría Aventureiro está destinada ao alumnado das familias de Informática e Comunicacións e Electricidade e Electrónica que xa dispón de coñecementos en sistemas, redes, programación ou electrónica. Pola súa banda, Experto reúne estudantes de graos superiores e cursos de especialización destas dúas familias con competencias técnicas avanzadas.

O calendario do Desafío CiberFP continuará en xaneiro de 2027 coa fase clasificatoria, na que os equipos realizarán probas telemáticas dunha hora de duración desde os seus respectivos centros educativos. Os equipos clasificados accederán á gran final, prevista para febreiro nas instalacións do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros. Nesta última fase, o alumnado deberá afrontar a defensa ante un ciberataque contextualizado nunha cidade galega, nun exercicio que permitirá demostrar os coñecementos e destrezas adquiridos ao longo da competición.

Nesta primeira edición inscribíronse 49 equipos na categoría Explorador, 56 en Aventureiro e 17 en Experto. Cada equipo está integrado por tres estudantes e conta coa coordinación dun docente. En total, participan 50 profesores coordinadores e centros educativos das catro provincias: cinco da Coruña, cinco de Lugo, sete de Ourense e dez de Pontevedra.

CentroConcello
Provincia A Coruña
Instituto Fernando Wirtz SuárezA Coruña
Centro Integrado de FP Ánxel Casal – Monte AltoA Coruña
Instituto Plurilingüe de AmesAmes
Centro Integrado de FP FerrolterraFerrol
Instituto Maximino Romero de LemaZas
Provincia Pontevedra
Instituto Antón Losada DiéguezA Estrada
Instituto de RodeiraCangas
Centro Integrado de FP A GranxaPonteareas
Centro Integrado de FP A Xunqueira Pontevedra
Instituto VilalongaSanxenxo
Centro Integrado de FP Valentín Paz AndradeVigo
Instituto Politécnico de VigoVigo
Instituto de TeisVigo
Instituto Ricardo MellaVigo
Instituto Armando Cotarelo ValledorVilagarcía de Arousa
Provincia Lugo
Centro Integrado de FP Politécnico de LugoLugo
Instituto Muralla RomanaLugo
Instituto A PinguelaMonforte de Lemos
Instituto Daviña ReyMonforte de Lemos
Instituto Lois Peña NovoVilalba
Provincia Ourense
Instituto Cosme López RodríguezA Rúa
Instituto San MamedeMaceda
Centro Integrado de FP A Carballeira – Marcos ValcárcelOurense
Centro Integrado de FP PortovelloOurense
Centro Integrado de FP A FarixaOurense
Instituto García BarbónVerín
Centro Integrado de FP VilamarínVilamarín
Comparte este artigo