HomeXunta de GaliciaA Xunta impulsa na Arxentina a proxección internacional do bo facer da...

A Xunta impulsa na Arxentina a proxección internacional do bo facer da cociña galega a través do evento “Saborea Galicia Calidade”

- Anuncio -spot_img
  • A cita promovida polo Goberno galego celébrase aproveitando a visibilidade que outorga a Galicia a súa condición de rexión convidada de honra pola Embaixada de España no país con motivo da celebración do Día da Hispanidade
  • O conselleiro subliñou que se trata dunha oportunidade para proxectar a Galicia actual a través dos valores da súa cociña e da súa cultura, e puxo en relevo a irmandade coa Arxentina, un dos enclaves máis significativos da diáspora
  • Ademais, convidou aos catadores a visitar Galicia e a descubrir de primeira man a calidade e a diversidade do produto galego
  • O chef Manolo Costiña, do restaurante Retiro da Costiña (Santa Comba, A Coruña), foi o encargado das catas e os pratos servíronse en pezas certificadas co selo Artesanía de Galicia, no marco da iniciativa ‘Artesanía no prato’
  • Como complemento á proposta culinaria, a programación inclúe dúas actuacións musicais que achegarán a música galega ao público arxentino: Baiuca, o 10 de outubro en Groove, e Luz Casal, o 12 de outubro en Palacio Libertad

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e polo delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, inaugurou hoxe no hotel Grand Brizo de Bos Aires o primeiro dos dous pases de cata da iniciativa Saborea Galicia Calidade, destinado a poñer en valor o bo facer da cociña galega diante de medios especializados, compradores do sector e referentes locais da cociña.

José González salientou que esta iniciativa —que se complementará con sendas actuacións musicais a cargo dos artistas Baiuca e Luz Casal— ten como obxectivo amosar a creatividade e a excelencia de Galicia nos ámbitos culinario e cultural nun dos enclaves máis representativos da diáspora galega, aproveitando a visibilidade que outorga á comunidade a súa condición de rexión convidada de honra pola Embaixada de España no país con motivo da celebración do Día da Hispanidade (12 de outubro).

O conselleiro destacou tamén que con esta acción se pretenden fortalecer as pontes entre Galicia e A Arxentina —país que continúa a ser o segundo fogar de milleiros de galegos que chegaron na procura de novas oportunidades— e ao mesmo tempo conectar con novos públicos e promover unha imaxe moderna e dinámica do país. Así, convidou aos catadores a visitar Galicia e a descubrir de primeira man a calidade e a diversidade do produto galego.

O evento incluíu dous pases de cata dirixidos polo chef galego Manolo Costiña, do restaurante Retiro da Costiña (Santa Comba, A Coruña), distinguido con dúas estrelas Michelin e coa marca Galicia Calidade. Os pratos servíronse en pezas de cerámica e outros materiais certificados co selo Artesanía de Galicia, no marco da campaña Artesanía no prato, unha iniciativa pioneira en España que pon en valor a tradición artesanal galega e o seu vínculo coa gastronomía.

Concertos de Baiuca e Luz Casal

Así mesmo, durante a súa intervención, o conselleiro de Emprego salientou que, como complemento á proposta gastronómica, a programación de Saborea Galicia Calidade inclúe dúas actuacións musicais que achegan a música galega ao público arxentino.

Así, o primeiro dos concertos terá lugar mañá, 10 de outubro, en Groove, ás 21.00 h, coa actuación de Baiuca, proxecto musical de Alejandro Guillán Castaño que combina a tradición sonora galega coa música electrónica contemporánea, reinterpretando a cultura do país desde unha perspectiva vangardista.

Pola súa banda, o 12 de outubro ás 19,00 h., coincidindo coa celebración do Día da Hispanidade, será a quenda de Luz Casal, unha das voces máis universais de Galicia —resaltou José González—, que ofrecerá un concerto no centro cultural Palacio Libertad tras ser recoñecida ese mesmo día pola Lexislatura da Cidade de Bos Aires.

Galicia, convidada de honra da Embaixada

Saborea Galicia Calidade aproveita a proxección do Día Nacional de España para reforzar a presenza internacional de Galicia e xerar novas oportunidades de colaboración económica e cultural, consolidando ao mesmo tempo a imaxe da nosa comunidade como unha rexión aberta, innovadora e competitiva no ámbito global.  

Publicacións Relacionadas