- Román Rodríguez anima aos interesados a mellorar a súa cualificación a través desta iniciativa pioneira en España que o Goberno galego impulsa este ano de xeito novidoso
- O prazo para presentar as solicitudes, que se tramitan a través do Portal Educativo, estará aberto ata o día 18 de decembro
- Trátase dunha modalidade de formación concentrada nun período de entre catro e seis meses que permite un acceso rápido ao mercado laboral
- Ao abeiro desta acción formáronse xa 153 persoas na primeira fase que arrancou en setembro e remata agora en decembro
- En 12 concellos de Galicia poden cursarse programas en sectores con alta demanda como agraria, comercio, edificación, mecánica, enerxía, hostalaría ou transporte
A Xunta de Galicia vén de lanzar a segunda edición da FP Acelerada con 506 prazas dispoñibles para cursar un total de 23 ciclos formativos en 16 centros integrados das catro provincias de xaneiro a xullo. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o día 18 de decembro e os interesados deben realizar os trámites a través do Portal Educativo.
Así se expuxo hoxe con motivo da xornada de difusión desta nova modalidade formativa pioneira en España que clausurou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. O encontro abriuno a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e nel interviron para contar a súa experiencia tres alumnos que cursaron esta formación na primeira quenda de setembro a decembro que remata agora.
O titular de Educación aproveitou o encontro para animar “aos mozos e aos non tan mozos” a aproveitar esta nova vía formativa para mellorar a súa cualificación e, deste xeito, ampliar o seu futuro profesional e persoal. Román Rodríguez explicou que a FP Acelerada é unha modalidade de formación rápida, concentrada nun período de entre catro e seis meses de duración, en función do ciclo de que se trate, que representa “unha dobre vantaxe” para alumnos e empresas. “Por unha banda, as persoas dispoñen dunha vía rápida de formación para ao acceso ao mercado laboral e, por outra, as empresas teñen un aceso máis áxil a persoal cualificado, sobre todo naqueles sectores onde hai máis demanda”, explicou.
Balance da primeira quenda
Na primeira quenda que arrancou en setembro e que conclúe en decembro houbo un total de 153 matrículas. Debido a ser unha modalidade piloto de nova implantación pensada para determinados grupos de poboación e, polo tanto, aínda pouco coñecida, a Xunta confía en que se irá asentando ano a ano, ao igual que sucedeu con outras iniciativas novidosas no seu día como foron os másteres de FP ou os títulos de alta especialización.
Esta modalidade, enmarcada no Plan FPGal360, inclúe tanto a formación no centro educativo como na empresa, e por tanto permiten que as persoas acaden, nun corto período de tempo, unha certificación profesional. O obxectivo último é mellorar a cualificación das persoas e abrirlles as portas ao mercado laboral en sectores concretos que precisan profesionais para traballar.
A través da FP Acelerada ofértanse un total de 23 programas en sectores con alta demanda de emprego como son Agraria, Comercio, Edificación e obra civil, Enerxía e auga, Fabricación mecánica, Industria alimentaria, Hostalaría e turismo e Transporte e mantemento. A oferta está dispoñible en 16 centros integrados de FP de 12 concellos.
TÍTULOS DA SEGUNDA EDICIÓN DA FP ACELERADA
*GB: grao básico; GM: grao medio; GS: grao superior
- Provincia da Coruña
| Concello | Centro | Ciclo | Prazas |
| A Coruña | CIFP Paseo das Pontes | GM Servizos en restaurante | 22 |
| A Coruña | CIFP Someso | GM Cubertas e impermeabilizacións | 22 |
| A Coruña | CIFP Someso | GS Planificación e supervisión da área de carrozaría de vehículos automóbiles | 22 |
| Ferrol | CIFP Ferrolterra | GM Fabricación de tubaxes e construcións e carpintaría metálica | 22 |
| Ferrol | CIFP Ferrolterra | GM Montaxe de instalacións de tubaxes e construcións e carpintaría metálica | 22 |
| Pontedeume | CIFP Fraga do Eume | GM Repostaría en restauración | 22 |
| Ribeira | CIFP Coroso | GS Control de calidade na industria alimentaria | 22 |
| Ribeira | CIFP Coroso | GS Xestión loxística e comercial na industria alimentaria | 22 |
| Santiago de Compostela | CIFP Compostela | GM Servizos en restaurante | 22 |
| Santiago de Compostela | CIFP Politécnico de Santiago | GM Montaxe de instalacións de tubaxes e construcións e carpintaría metálica | 22 |
- Provincia de Lugo
| Concello | Centro | Ciclo | Prazas |
| Lugo | CIFP As Mercedes | GM Mantemento do motor de combustión interna e os seus sistemas auxiliares referente aos vehículos automóbiles | 22 |
| Lugo | CIFP As Mercedes | GM Preparación, protección e embelecemento de superficies de carrozarías | 22 |
| Ribadeo | CIFP Porta da Auga | GM Preparación, protección e embelecemento de superficies de carrozarías | 22 |
- Provincia de Ourense
| Concello | Centro | Ciclo | Prazas |
| Ourense | CIFP A Farixa | GS Organización e proxectos de instalacións solares fotovoltaicas | 22 |
| Ourense | CIFP A Farixa | GS Organización e proxectos de instalacións solares térmicas | 22 |
| Vilamarín | CIFP de Vilamarín | GB Actividades básicas do departamento de pisos | 22 |
- Provincia de Pontevedra
| Concello | Centro | Ciclo | Prazas |
| Pontevedra | CIFP Carlos Oroza | GB Venda en panadaría e pastelaría | 22 |
| Pontevedra | CIFP Carlos Oroza | GM Servizos en restaurante | 22 |
| Pontevedra | CIFP Montecelo | GB Operacións auxiliares e/ou básicas referentes ao mantemento e a reparación de vehículos automóbiles na área de carrozaría | 22 |
| Vigo | CIFP Manuel Antonio | GM Servizos en bar e cafetaría | 22 |
| Vigo | CIFP Valentín Paz Andrade | GM Mantemento dos sistemas de forza e trens de rodaxe referente a vehículos automóbiles | 22 |
| Vigo | CIFP Valentín Paz Andrade | GM Preparación, protección e embelecemento de superficies de carrozarías | 22 |
| Vilagarcía de Arousa | CIFP Fontecarmoa | GB Actividades auxiliares de almacenaxe | 22 |



