O director de Turismo de Galicia interveu no Foro de Rexións Turísticas Innovadoras no que tamén participaron responsables da Generalitat Valenciana
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou nunha mesa redonda no contexto do Foro de Rexións Turísticas Innovadoras, que se celebrou esta mañá en Sevilla. Baixo a clave ‘Retos e oportunidades para un futuro turístico sostible e innovador’, o director repasou as liñas xerais do modelo turítico da comunidade así como a política da Xunta de Galicia neste aspecto ratificando a aposta do Goberno galego pola sustentabilidade e a calidade turística.
Na sesión participaron, ademais do director de Turismo de Galicia, responsables de da Generalitat Valenciana. Durante a conversa debateuse sobre o que fai a un destino turístico sostible, estratexias e modelos de desenvolvemento económico, xestión para a mellora da sostibilidade medioambiental e a necesidade de definir experiencias que a respecten.
Xosé Merelles apuntou como a sostibilidade é un dos piares da Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que “busca que os residentes se sintan parte integral do turismo”. Tamén repasou distintas vías para contribuír a esta sustentabilidade, como a redistribución do turismo polo territorio, a desestacionalización da oferta e a internacionalización da demanda.
Ademais, puxo en relevo iniciativas como o Observatorio de Sustentabilidade Turística de Galicia, que serve para monitorizar o destino e anticipar tendencias, e ferramentas como a instalación de sensores no Camiño de Santiago, mediante os que avanzar no control e regulación de fluxos turísticos.
Segundo avanzou Xosé Merelles, estase a deseñar un Sistema de Observación Integral para establecer os indicadores da sostibilidade da actividade do turismo, tanto no ámbito ambiental, como no social e o económico. Ademais, a comunidade conta co Sistema de Intelixencia Turística de Galicia -con novas ondas de difusión para 2026-, “traballo de varios anos que recolle índices de estacionalidade, intensidade e densidade, tanto da oferta como da demanda turística”.

