A Área Sanitaria e o concello de Moraña organizan o programa formativo ConCoidado para apoiar a persoas dependentes

Redacción
  • –      A iniciativa Coidar aos que coidan desenvólvese ao longo de catro xornadas consecutivas durante os martes do mes de outubro no Edificio Multiusos de Moraña
  • –      Os obradoiros abordan aspectos chave coma os autocoidados, a prevención de caídas, a xestión dos recursos sociais, a nutrición e o exercicio físico adaptado

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, en colaboración co Concello de Moraña, puxo en marcha hoxe no Edificio Multiusos desta localidade a primeira edición do programa formativo e de saúde ConCoidado, unha iniciativa concebida para ofrecer ferramentas prácticas, apoio continuo e orientación especializada ás persoas que teñen ao seu cargo o coidado de familiares ou achegados en situación de dependencia.

Con 23 inscritos e baixo a premisa de Coidar aos que coidan, esta actividade gratuíta nace para dar resposta ás esixencias diarias e ao desgaste físico e emocional que implica a atención continuada. A finalidade deste programa busca dotar aos participantes de competencias que melloren directamente a calidade de vida dos pacientes e, ao mesmo tempo, preserven o benestar e a propia saúde dos coidadores.

Abordaxe integral ao longo de catro sesións

O programa formativo e de saúde ConCoidado impártese no Edificio Multiusos de Moraña durante catro sesións consecutivas, organizadas os martes 6, 13, 20 e 27 de outubro, en horario de 16:30 a 18:30 horas. A través dunha metodoloxía participativa, os asistentes afondan en materias fundamentais para o día a día da asistencia domiciliaria.

O itinerario formativo arrancou esta tarde, cunha sesión adicada á presentación do proxecto ConCoidado, á comprensión dos procesos do envellecemento e á divulgación dos recursos sociais ao alcance das familias. No segundo encontro, previsto para o vindeiro 13 de outubro, os contidos centráranse nas estratexias de autocoidado para os propios coidadores e na atención específica da pel, abordando o manexo da incontinencia e as pautas para evitar a aparición de úlceras.

A programación de ConCoidado continuará o martes 20 de outubro, cun bloque adicado á actividade física mediante a realización de exercicios dinámicos de forza e á aprendizaxe de nocións básicas en primeiros auxilios.

Finalmente, a xornada do martes 27 de outubro pechará este ciclo de saúde ConCoidado achegando recomendacións sobre a prevención de caídas, o uso axeitado dos dispositivos de apoio, pautas para unha alimentación saudable e medidas de seguridade para evitar atragoamentos e afogamentos.

Comparte este artigo