- O paquete de medidas incluirá tamén unha partida destinada ás entidades locais co obxectivo de facer fronte aos gastos derivados das actuacións como consecuencia dos lumes e aos danos en infraestruturas da súa titularidade
- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, agradeceu o traballo do persoal do 112 e do conxunto de profesionais vinculados ás emerxencias en Galicia
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe o reforzo do servizo de atención e información á cidadanía da Xunta co obxectivo de atender as dúbidas e informar sobre as medidas urxentes para a reparación dos danos causados polos incendios forestais en Galicia neste verán, que aprobará o Goberno galego a vindeira semana nun Consello extraordinario en Ourense. Deste xeito, aumentarase o persoal para dar resposta no teléfono 012 ás chamadas da poboación relacionadas con estas liñas de axudas, ao mesmo tempo que se prevé incrementar o horario do servizo.
Diego Calvo lembrou que se están a cuantificar os danos causados polos lumes por esta situación excepcional para habilitar as axudas aos damnificados. Así, a Xunta busca activar coa maior celeridade as liñas das distintas consellerías co fin de que as persoas destinatarias poidan solicitalas o antes posible.
Nunha visita ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Estrada, avanzou que os apoios se dirixirán aos damnificados para paliar os danos que sufriron, e poderán estenderse, entre outros, a explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras; titulares de tecores; establecementos comerciais, industriais, turísticos ou deportivos; infraestruturas e o arranxo das vivendas, ademais de axudar co aloxamento provisional ás persoas afectadas. O conselleiro de Presidencia avanzou que tamén se prevén axudas ás entidades locais para que poidan facer fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e aos danos causados nos bens de titularidade municipal por esta causa.
Agradecemento persoal central 112 Galicia
Diego Calvo fixo estas declaracións nunha visita xunto ao director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, con motivo de agradecer de maneira directa ao persoal o esforzo realizado nestas semanas no que se refire á coordinación dos recursos de emerxencia. Así, explicou que os xestores e xestoras de chamadas desempeñan un papel esencial como primeira canle de información, recollendo os avisos que chegan dende o mesmo lugar da emerxencia e trasladándoos con inmediatez aos responsables de activar os protocolos pertinentes. De feito, o departamento de enlace foi un dos máis reforzados, dada a importancia da súa función como nexo de unión entre técnicos, responsables e equipos sobre o terreo.
O conselleiro de Presidencia tamén salientou os recursos postos á disposición do persoal neste operativo: dende a activación dos protocolos de protección cidadá ata a instalación do Centro de Coordinación Provincial de loita contra incendios de Ourense (CECOP) na provincia de Ourense, o que permitiu unha mellor coordinación interinstitucional, unha xestión áxil da información e unha resposta máis eficiente na mobilización dos recursos necesarios en cada momento.
Estas medidas contribuíron, ademais, a alixeirar a carga da sala de operacións do 112 Galicia, que puido dedicar espazo á tramitación doutras chamadas de distinta natureza, pero igual de urxentes. Nesta liña, Diego Calvo detallou que na ponte de agosto se rexistrou unha media diaria de 40 xestores e xestoras, cun pico de máis de medio cento no 15 de agosto.
Así mesmo, o conselleiro destacou a importancia das canles oficiais de comunicación do 112 Galicia, tanto a web como as redes sociais, que durante estes días se converteron en fonte de referencia para a cidadanía e para os medios de comunicación. Grazas a eles, foi posible trasladar información veraz, puntual e contrastada sobre cada paso que se foi dando na xestión da emerxencia. Nesta liña, sinalou que o 112 Galicia demostrou unha vez máis ser unha peza clave na seguridade dos galegos e galegas e o compromiso do seu persoal foi fundamental para facer fronte a esta situación tan complexa converténdose nun verdadeiro eixo de coordinación da protección civil na nosa comunidade.
Ademais, remarcou o agradecemento do Goberno galego a todos os profesionais vinculados ás emerxencias en Galicia que, unha vez máis, deron e están dando o mellor de si mesmos para facer fronte aos incendios. Un agradecemento que fixo extensivo a todos os integrantes dos distintos ámbitos e administracións que integran o dispositivo para combater o lume na comunidade.

