- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en Allariz na xornada Moda con propósito: sustentabilidade, deseño e territorio, onde puxo en valor o modelo galego de desenvolvemento baseado na innovación, o talento e o compromiso co entorno
- Destaca que Galicia é a comunidade líder en exportacións do sector téxtil en España, con máis de 7.900 millóns de euros e máis de 800 firmas vendendo nos cinco continentes
- Subliña o impulso á integración da sustentabilidade e o deseño responsable nas empresas galegas, acompañando o sector a través de programas como ASG, ReAcciona ou as Business Factory, que promoven a innovación, a economía verde, a competitividade e a internacionalización
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Allariz na xornada Moda con propósito: sustentabilidade, deseño e territorio, un encontro organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia e o Clúster Galego da Moda e o Téxtil (Cointega) dentro do ciclo Xeografía empresarial: ruta para o futuro de Galicia.
Durante a súa intervención, Covadonga Toca destacou que Galicia é hoxe un referente internacional en moda e deseño grazas á combinación de tradición, innovación e sustentabilidade. “A moda galega non é só deseño, é identidade, comunidade e futuro”, afirmou, subliñando que o sector téxtil é un dos grandes piares da economía galega e o segundo en valor de exportacións, só por detrás da automoción.
A directora lembrou que as exportacións galegas de téxtil e moda superaron os 7.900 millóns de euros en 2024, o que representa preto dun terzo das exportacións españolas do sector, con máis de 800 empresas galegas presentes en mercados de Europa, América e Asia. “Exportar non é só vender fóra; é conectar co mundo desde o que somos”, engadiu.
Toca Carús salientou tamén o papel de Ourense e Allariz como berce do deseño galego, cunha tradición que soubo reinventarse apostando pola recuperación patrimonial, a moda de autor e o comercio local. “Allariz é hoxe un símbolo de como a sustentabilidade pode converterse nun motor de desenvolvemento económico e social”, afirmou.
A responsable do Igape fixo fincapé en que a sustentabilidade é xa unha vantaxe competitiva real para as empresas e explicou que o organismo autonómico está acompañando o sector neste camiño a través de diferentes programas. Entre eles, citou as axudas ASG, que permiten integrar criterios ambientais, sociais e de bo goberno na xestión empresarial; o programa ReAcciona, que impulsa plans de acción en economía circular, eficiencia enerxética ou impacto social; e as Business Factory, como BF ClimaTech, que apoian proxectos innovadores en sustentabilidade e economía verde.
Toca Carús salientou o deseño galego como marca de identidade e símbolo dunha moda ética, innovadora e creativa. Reivindicou un modelo con propósito que xere valor e emprego de calidade, proxectando ao exterior unha Galicia moderna e sostible, e reafirmou o compromiso da Xunta de apoiar o talento e a competitividade do sector.



