• A renovación da iluminación pública lidera os investimentos nas parroquias do Viso, Ventosela, Quintela e Saxamonde, mellorando a eficiencia enerxética e eliminando avarías. O Goberno local destaca que este modelo garante que o diñeiro público se invista «no que realmente necesita e demanda cada parroquia».
O Concello de Redondela fai balance das actuacións executadas ao longo deste ano no marco dos orzamentos participativos, que permiten trasladar directamente ao investimento municipal as prioridades da veciñanza a través dos Consellos Parroquiais. Cesantes, O Viso, Ventosela, Quintela e Saxamonde teñen case rematados todos os investimentos. A renovación do alumeado público, a reparación de camiños e melloras en centros educativos e culturais son algunhas das obras realizadas.
O concelleiro de Participación Cidadá, Alberto Álvarez, puxo en valor o papel fundamental destes órganos de participación para mellorar o día a día da veciñanza: «Os Consellos Parroquiais son unha ferramenta imprescindible para escoitar directamente á cidadanía e dar resposta ás necesidades de cada núcleo de poboación. Así os orzamentos participativos tradúcense en obras útiles, próximas e consensuadas cos propios veciños e veciñas».
Aposta pola eficiencia enerxética na iluminación pública
Un dos eixes principais das intervencións deste exercicio foi a modernización da rede de alumeado público nas parroquias do Viso, Ventosela, Quintela e Saxamonde. A renovación das luminarias existentes por lámpadas de baixo consumo e alta eficiencia supoñen unha importante mellora. Desde a Concellería de Infraestruturas e Sostibilidade aplauden a decisión adoptada por estes Consellos Parroquiais á hora de priorizar o alumeado público. Segundo destaca o concelleiro, Roberto Villar, “estas intervencións non só supoñen un importante aforro enerxético, senón que permiten acabar coas avarías recorrentes e garantir un servizo máis fiable, seguro e moderno para a veciñanza”.
Xunto ao esforzo en materia enerxética, os orzamentos participativos permitiron acometer outras demandas veciñais. No caso de Cesantes realizouse o pintado da pista deportiva e da zona de xogos do colexio Outeiro das Penas. En Quintela acometéronse traballos de mellora e acondicionamento no recinto de festas do centro cultural da parroquia. En Saxamonde completouse a intervención coa instalación de lombos no Camiño do Castelo para calmar o tráfico e reforzar a seguridade peonil.
Dentro da programación acordada cos Consellos Parroquiais, está prevista a reforma do Camiño da Subida Buraca, en Chapela, cuxos traballos darán comezo a principios de 2027. Nas demais parroquias están pendentes algunhas obras de mellora e reformas que se acometerán nas vindeiras semanas.

