- A conselleira salienta que este municipio é un exemplo claro de colaboración institucional, de aproveitamento eficaz dos recursos públicos e de como os apoios da Administración se traducen en proxectos reais útiles para a cidadanía
- O Executivo galego lembra que está a disposición dos concellos para acompañalos neste esforzo a prol da economía circular e que este ano destinou 11,5 millóns de euros en achegas para mellorar a recollida dos distintos refugallos
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o punto limpo móbil adquirido polo Concello de Tordoia para a recollida de residuos especiais, onde animou aos municipios rurais de Galicia a seguir o seu exemplo para avanzar nunha xestión máis eficiente e responsable dos distintos refugallos.
A responsable autonómica, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, indicou que Tordoia é un exemplo claro de colaboración institucional, de aproveitamento eficaz dos recursos públicos e de como os apoios da Administración se traducen en proxectos reais útiles para a veciñanza.
De feito, este municipio coruñés beneficiouse entre 2024 e 2025 de distintas achegas que suman máis de 176.000 euros, entre as que se atopa a destinada á adquisición do punto limpo móbil (17.100 euros), os preto de 118.000 euros para a adquisición dun camión eléctrico para a recollida de biorresiduos, os máis de 27.000 euros para promover a compostaxe doméstica ou comunitaria, arredor de 7.000 euros para recoller residuos téxtiles ou preto de 6.500 euros no caso do aceite doméstico usado.
Ángeles Vázquez puxo en valor que o novo punto limpo móbil adquirido polo Concello vai facilitar o depósito de residuos voluminosos e especiais por parte dos preto de 3.200 habitantes do municipio -cada semana está nunha das 10 parroquias do concello-, evitando así a existencia de vertidos incontrolados. En paralelo está a apostar pola economía circular entregando á veciñanza composteiros para a materia orgánica.
Por iso, a conselleira lembrou que a Xunta está a disposición dos concellos para acompañalos neste esforzo, ofrecendo apoio técnico e económico para mellorar a xestión dos residuos. Tanto é así que este ano destinou 11,5 millóns de euros a achegas para as entidades locais coas que mellorar a recollida dos residuos domésticos, perigosos, voluminosos e aparellos eléctricos e electrónicos así como de biorresiduos como a materia orgánica, aceite de cociña usado ou residuos téxtiles.
Galicia Calidade
A responsable autonómica indicou que esta colaboración institucional busca lograr unha comunidade máis sostible, máis verde e máis responsable, para avanzar no concepto Galicia Calidade que define o xeito de actuar da Administración galega en todos os eidos.
Con ese fin, engadiu, o Executivo galego vai seguir apoiando o vindeiro ano aos concellos para que fomenten a correcta xestión dos residuos mediante o lanzamento de achegas para a implantación, ampliación ou mellora da recollida separada da materia orgánica, aceites usados e residuos téxtiles así como especiais. A elas engadirase unha nova liña para dixitalizar a recollida de residuos coa idea de coñecer o custo por xeración.
Nesta liña, manteranse os apoios á recollida separada de materia orgánica para compostaxe, doméstica ou comunitaria, a adquisición de vehículos para a recollida separada de biorresiduos, a posta en marcha de proxectos para valorizar os produtos téxtiles, a mellora de puntos limpos fixos e a compra de puntos fixos móbiles.
Todas estas actuacións, recollidas nos orzamentos de 2026 da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, contribuirán a seguir avanzando no cumprimento do Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia 2023-2030.



