Turismo de Galicia reforza a súa aposta polo enoturismo coa selección de dúas propostas gráficas para primaveira de portas abertas

Redacción

A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, presidiu en representación do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, a reunión do xurado que hoxe seleccionou os dous carteis que promocionarán a Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia nas edicións de 2027 e 2028. As propostas, asinadas polos deseñadores gráficos Alberto Morales Ajubel e Helena Moreno Marco, resultaron elixidas entre os 65 traballos presentados ao concurso, procedentes de oito países: Alemaña, Corea do Sur, España, Italia, México, Nova Zelandia, Portugal e Reino Unido. No xurado tamén participaron os profesionais de recoñecido prestixio no ámbito do deseño gráfico, Emilio Gil e Pep Carrió. Cada un dos premiados recibirá 5.000 euros.

Por parte de Turismo de Galicia púxose en valor esta iniciativa, froito da colaboración coa Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda-Concurso Francisco Mantecón, que permite contar con talento creativo internacional para impulsar a promoción do enoturismo galego. A acción busca contribuír ao desenvolvemento turístico das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia —Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras—, en colaboración coas asociacións das Rutas dos Viños, e atraer visitantes interesados na cultura do viño, na paisaxe e no patrimonio da comunidade. Deste xeito, Turismo de Galicia continúa a apostar pola diversificación da oferta turística e pola proxección da Comunidade como destino vinculado á autenticidade, á cultura e á riqueza dos seus territorios.

Comparte este artigo