_As xornadas, impartidas polo doutor Mazza, son unha “oportunidade excepcional para seguir construíndo un deporte galego máis científico, máis preparado e máis competitivo”
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, inaugurou na mañá de hoxe o obradoiro ‘Fisioloxía deportiva e novas metodoloxías no adestramento de alto nivel’ impulsado pola Oficina de Atención ao Deportista e dirixido a todo o tecido deportivo, especialmente aos adestradoras e adestradoras de alto nivel. As xornadas de hoxe venres e mañá, sábado, son impartidas polo doutor Juan Carlos Mazza, especialista en fisioloxía do Deporte e Ciencias do Exercicio, experto en aplicacións científicas en alto rendemento deportivo en seleccións nacionais e membro Fellow do American College of Sports Medicine (FACSM).
Nas súas verbas, o secretario xeral para o Deporte destacou a figura do doutor Mazza como un referente internacional no ámbito das Ciencias do Deporte e destacou a “oportunidade excepcional” da súa presenza e destas xornadas en Galicia “para achegar aos nosos adestradores e adestradoras as metodoloxías máis avanzadas do adestramento contemporáneo, así como para seguir construíndo, entre todos, un deporte galego máis científico, máis preparado e máis competitivo”.
O mandatario galego fixo un repaso pola tecnificación de Galicia informando dos máis de 1.700 recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel cun crecemento do 400% dende o ano 2009. Neste sentido, fixo fincapé na importancia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva cos seus dous satélites do Complexo de Regatas de Verducido e do Centro Galego de Vela en Vilagarcía, así como dos 14 Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado.
Lete Lasa lembrou o proxecto de interese autonómico para converter ao CGTD nun Centro de Alto Rendemento que permitirá dar acollida ao incremento do alto nivel galego, así como atraer aos talentos de fóra de Galicia para consolidar á nosa comunidade como referente mundial do deporte.



