O Centro Dramático Galego estrea as coproducións “Ensaio técnico” e “Ñiqui Ñaque” no marco da Mostra de Teatro de Cangas

Redacción
  • A montaxe de Mickaël de Oliveira co Colectivo 84, coa colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e o propio certame, chega ao Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela tras unha residencia artística de 10 días
  • A unidade teatral da Xunta coproduce tamén con Espectáculos Valente ‘Ñiqui Ñaque’, que arranca os días 3 e 4 de xullo unha intensa xira de verán
  • A 43ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas conta co apoio do Goberno galego para a súa 43ª edición, que se inaugura esta noite coa intervención do director da Axencia Galega das Industrias Culturais

O Centro Dramático Galego estrea na 43ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas dúas novas coproducións: Ensaio técnico, creación internacional co Colectivo 84 de Portugal coa colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e mais o propio certame cangués, e Ñiqui Ñaque, montaxe realizada con Espectáculos Valente a partir dun texto orixinal de Cándido Pazó. As dúas propostas Integran a campaña Para gustos, cultura posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

O certame inaugúrase oficialmente esta noite e desenvolverase ata o 5 de xullo co apoio da Xunta de Galicia a través das subvencións a festivais escénicos de carácter profesional. O acto de apertura contará coa intervención do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen deixará testemuño do compromiso do Goberno galego con este tipo de certames.

A estrea absoluta de Ensaio técnico terá lugar mañá xoves, ás 22,00 horas, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, onde terá o seu primeiro encontro co público tras unha residencia artística de 10 días na propia mostra. A presenza do Centro Dramático Galego no encontro cangués completarase os días 3 e 4 de xullo coa presentación de Ñiqui Ñaque, espectáculo con dirección e dramaturxia de Roberto Vázquez e interpretación de Ángel Blanco e Dani Lago.

Creación entre Galicia e Portugal

Ensaio técnico é unha creación de Mickaël de Oliveira e do Colectivo 84 que, entre 2023 e 2025, percorreu diferentes escenarios portugueses antes desta nova coprodución co Centro Dramático Galego. A peza propón unha reflexión arredor do traballo artístico, os seus límites éticos e a relación entre ficción e documental, a partir da historia dun grupo de mozos actores marcado por unha experiencia nun curso internacional de performance.

A partir dese punto de partida, a ficción retrata a decisión do grupo de fundar unha estrutura independente dedicada á “performance continua e aberta”, un xesto artístico e vital que os leva a tres anos de recollemento, investigación e “ritualización” do proceso creativo. Cando regresan ao espazo público, comparten coa audiencia unha versión parcial e subxectiva do acontecido, nunha montaxe que cuestiona as formas de creación, exposición e relato dentro das artes escénicas contemporáneas.

O espectáculo conta con texto, dirección escénica e realización de Mickaël de Oliveira, asistencia de dirección de Beatriz Wellenkamp Carretas e Noa López, tradución e adaptación de Alzan Miranda Magallanes, deseño e operación de vídeo de Fábio Coelho, dirección técnica e operación de João Monteiro, e dirección de produción de Héloïse Rego. No elenco participan Gael Genarelo, Alba Silva, Alba María López e Patrícia Merino.

Estrea de ‘Ñiqui Ñaque’ antes da xira

A unidade teatral da Xunta presentará tamén en Cangas outra das súas novas coproducións, Ñiqui Ñaque, realizada con Espectáculos Valente, compañía integrada por profesionais formados na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. A montaxe, con texto orixinal de Cándido Pazó, dirección e dramaturxia de Roberto Vázquez, e interpretación de Ángel Blanco e Dani Lago, poderá verse dous días no marco do festival: o venres 3 de xullo na Alameda Vella e o sábado 4 no adro da igrexa de Darbo. As dúas funcións serán ás 20,00 horas.

Iniciará despois unha xira por 26 concellos das catro provincias, coa que o Centro Dramático Galego cumpre o seu obxectivo de achegar a todo o territorio do país as producións nas que participa. A obra revisita o teatro ambulante a través de Cosme e Damián, dous cómicos a piques de disolver a súa compañía que reciben a proposta de representar unha peculiar versión de Romeo e Xulieta mentres continúan a súa viaxe nun motocarro avariado.

A 43ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, recoñecida co Premio da Cultura Galega 2025, desenvólvese do 21 de xuño ao 5 de xullo co apoio da Xunta de Galicia, que achega 55.388 euros a través da convocatoria de subvencións a festivais profesionais de artes escénicas, a maior achega desta liña en 2026. O encontro reúne 24 espectáculos en sete escenarios, nos que se inclúen seis coproducións, nove estreas absolutas e sete estreas en Galicia, ademais dunha programación paralela vencellada á memoria, a igualdade, a accesibilidade e a participación social.

Comparte este artigo