O CHUS pontevedrés acolle a exposición itinerante Héroes e Heroínas para visibilizar as ostomías e recoñecer o labor da enfermaría especializada

Redacción

– A iniciativa rende homenaxe ás persoas ostomizadas e pon en valor a atención personalizada e o acompañamento das enfermeiras estomaterapeutas da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés


– O vestíbulo do salón de actos do hospital Montecelo exhibe esta mostra patrocinada por Hollister no marco do Día Mundial do Paciente Ostomizado

O vestíbulo do salón de actos do Hospital Montecelo acolleu hoxe a inauguración da exposición itinerante Héroes y Heroínas, unha iniciativa orientada a humanizar a asistencia sanitaria, visibilizar a realidade cotiá das persoas ostomizadas e render tributo ao labor fundamental da enfermaría especializada da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

A presentación desta mostra patrocinada por Hollister, organízase no marco das accións de sensibilización polo Día Mundial do Paciente Ostomizado que se celebra en outubro. O evento contou coa participación da directora de Enfermaría da Área Sanitaria, Concepción Abellás, así coma da supervisora de Enfermaría no servizo de Uroloxía do CHUP pontevedrés, María Cruz Gago, a enfermeira estomaterapeuta do Hospital do Salnés, Ana María Bello, o xerente territorial de Hollister, Rafael Llamas e a emotiva e agradecida testemuña da paciente ostomizada María Cuevas.

Coa acollida desta mostra no Complexo Hospitalario, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reitera a súa aposta pola humanización dos coidados e pola consolidación de consultas de estomaterapia de referencia, que garantan a educación sanitaria, o seguimento continuado e a autonomía dos doentes.

Unha mirada humana
A exposición Héroes y Heroínas componse de 14 historias reais de superación retratadas polo fotógrafo Álvaro Laiz, recoñecido nos Sony World Photography Awards e explorador de National Geographic. A través de dez fotografías e do relato persoal de cada protagonista, a mostra reflicte o proceso de adaptación á ostomía e como cada persoa puido retomar a súa vida de forma plena grazas ao apoio técnico e emocional da enfermaría especializada.

Durante a inauguración desta exposición itinerante, a paciente María Cuevas Álvarez compartiu a súa experiencia persoal e explicou que a intervención permitiulle recuperar a súa calidade de vida, subliñando ademais o papel decisivo que desempeñan as enfermeiras estomaterapeutas da Área Sanitaria ao ofrecer un acompañamento permanente, amparo e a formación necesaria para afrontar con seguridade o día a día.

Pola súa banda, tanto a directora de Enfermaría coma as profesionais de enfermaría da Área Sanitaria destacaron que detrás de cada proceso de ostomía existe un traballo multidisciplinar, centrado nas necesidades individuais de cada persoa, situando a empatía, a calidade asistencial e a proximidade coma valores clave na atención que se ofrece tanto no CHUP coma no Hospital do Salnés.

Comparte este artigo