O conselleiro de Educación inaugura o novo patio do Colexio de Chancelas e coñece o proxecto de transformación da contorna escolar

Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración do novo patio do Colexio de Chancelas, unha actuación desenvolvida grazas á colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, o Concello de Poio e o propio centro educativo, cun investimento global próximo aos 45.000 euros. Na visita, o titular de Educación coñeceu tamén de primeira man o proxecto de transformación da contorna escolar impulsado polo alumnado, coa participación activa do profesorado e das familias. Foron os estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria os encargados de explicar as distintas actuacións.

“O máis valioso desta iniciativa é que nace da implicación e do traballo conxunto de alumnado, profesorado e familias”, destacou o conselleiro, quen puxo en valor este tipo de proxectos por favorecer aprendizaxes vinculadas ao territorio e á sustentabilidade. Ademais, salientou o papel do alumnado na transformación da súa contorna máis próxima, converténdose en protagonista dun proceso que reforza a participación, a convivencia e o compromiso coa comunidade.

Comparte este artigo