O director da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo recibiu esta mañá na Praza do Obradoiro a un grupo de alumnos e profesores participantes no programa O Teu Camiño
O director da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, recibiu esta mañá na Praza do Obradoiro a un grupo de estudantes e profesorado de ESO de distintos centros educativos de Vilanova e Vilagarcía da Arousa no marco dunha iniciativa ‘O teu Camiño’ da Fundación Galega contra o Narcotráfico (FGCN).
O director da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo deulles a benvida ao final do Camiño tras percorrer a etapa que comeza na Carballeira de Francos, no Concello de Teo, e destacou o proxecto da FGCN que nesta ocasión terá continuidade a finais de novembro coa participación de estudantes e centros de Cambados, Ribeira e A Estrada, entre outras localidades.
Ildefonso de la Campa salientou ademais os principios xacobeos que impregnan esta iniciativa co fomento da convivencia, o respecto, a solidariedade e un modo de vida saudable ao tempo que se complementa cun maior coñecemento das dimensións xacobeas en canto á cultural, relixiosa, histórica e patrimonial, ademais da paisaxística.
Ademais, felicitou á entidade pola súa implicación na difusión dos valores xacobeos que se traducen nón só nestas dúas andainas, senón que inclúen tamén mostras fotográficas e un certame de relato curto, entre outras.



