- Turismo de Galicia apoia a celebración da primeira edición desta nova cita musical que se celebrará na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela o venres 29 de agosto
- No Lingua Urbana danse cita nomes de referencia da escena musical estatal do xénero, como Hard GZ, MVRK ou Xina Mora, ademais de formacións galegas como Boyanka Kostova e 9Louro
- O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou xunto coa directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, esta mañá na presentación da cita
Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia apostan polos sons máis atractivos e actuais coa presentación dunha nova cita en Santiago de Compostela: o Festival Lingua Urbana, que celebrará a súa primeira edición na Cidade da Cultura a finais deste verán. Así o presentou está mañá en rolda de prensa o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, nun acto no que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia destacou que “desde o programa Concertos do Xacobeo apostamos por darlle cobertura a novas propostas musicais abertas á mocidade e aos públicos máis diversos, con festivais que permanecen atentos a figuras referentes de xéneros como o urbano, que pisa forte nas listas de escoitas a nivel global”.
Ademais, engadiu que “deste xeito, a calidade e a diversidade son eixos fundamentais dos Concertos do Xacobeo, que da man deste novo Lingua Urbana achegarán ao público máis curioso a música de figuras de referencia da escena estatal e local, nun espazo tan emblemático como a Cidade da Cultura da capital galega”. Finalmente, subliñou que “ a oferta cultural rica e diversa dos Concertos do Xacobeo potencia o atractivo turístico do noso territorio na época estival tamén nas grandes capitais urbanas, apoiando a dinamización da súa economía”.
Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, celebrou a posta en marcha deste tipo de iniciativas por “adobiar creatividade, arte e lecer, á vez que prestixiar a nosa lingua” e que, segundo subliñou, “acaban erixíndose en ferramentas máis que efectivas para potenciar o emprego do noso idioma entre a mocidade”. De igual xeito, salientou que supón un “escaparate e pulo ao enorme talento emerxente, do que é viveiro a nosa Comunidade, cunha xuventude ávida de descubrir fórmulas nova e potentes como esta que se presenta na Cidade da Cultura”.
Localización privilexiada
O festival de música Lingua Urbana aterra así nunha localización privilexiada, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela: un espazo único que se encherá dos sons máis actuais para vivir unha experiencia irrepetible. Nesta primeira edición, a cita contará con artistas nacionais de referencia do xénero, como Hard GZ, MVRK, Jhon Pollón, Xina Mora ou Parkineos, ademais dos dj’s locais Borja Solla, Sote, Valensk8 e Carlos Barral. A súa programación darelle cabida, ademais, ao talento galego da man de formacións como Boyanka Kostova e 9Louro.
Lingua Urbana –organizado baixo o selo de calidade de Wake Up! co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa Concertos do Xacobeo– propón unha interesante apertura a novas linguaxes musicais que teñen unha grandísima pegada entre o público máis novo, impulsando unha nova cultura no corazón de Galicia.
Concertos do Xacobeo, un programa plural
Concertos do Xacobeo é un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, o Galicia Fest, Maresía, Linga Urbana e máis de 120 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia.
Na provincia da Coruña, Concertos do Xacobeo suma máis de medio centenar de eventos, entre eles, esta nova cita cos mellores sons urbanos en Compostela. A capital galega concentra máis dunha decena de eventos dos Concertos do Xacobeo neste 2025, como Maresía, o Gozo Fest, o Lingua Urbana, o Wake Up! No Gaiás ou o WOS Festival.
Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.