Ángel Carmona de RNE, Lucía Sánchez da Fundación Paco de Luciá e Sabela Maneiro de Tanxugueiras entre algúns dos creadores participantes na IV Residencia de Artistea

adminON

Artistea converterase durante os próximos catro días no epicentro da creación artística en Galicia grazas ao convenio de colaboración asinado entre o Concello de Ponteareas e a Asociación DELOA para a posta en marcha dunha nova residencia artística creativa, que se desenvolverá do 20 ao 24 de outubro.

Esta iniciativa forma parte do proxecto de cooperación “Interritmos: Raíces Vivas”, impulsado por varios Grupos de Desenvolvemento Rural galegos —entre eles o GDR Terra e Auga— e coordinado por DELOA en colaboración coa Fundación Paideia e a Fundación Paco de Lucía. O proxecto inscríbese no marco do Programa LEADER de Galicia 2023-2027, cofinanciado polo LEADER e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

Ponte entre tradición galega e flamenco

A residencia ten como obxectivo acompañar e inspirar a artistas vinculados á música de raíz, como Tanxugueiras, que participarán nestes días en Ponteareas, e Lucía Sánchez, da Fundación Paco de Lucía, avogada experta en propiedade intelectual e produtora musical. A iniciativa busca poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial galego, establecendo pontes entre a tradición galega e o flamenco a través de encontros creativos e procesos colaborativos.

Entre as personalidades convidadas destaca tamén o xornalista e locutor de RNE Ángel Carmona, que emitirá en directo o seu programa “Mañana más” desde a Praza Maior de Ponteareas, o venres 23 de outubro ás 08:00 horas, cun especial adicado á residencia e ao traballo dos artistas participantes.

Unha vila que aposta pola cultura

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliñou que “Arte e cultura son posibles tamén nas vilas. As residencias Artistea dinamizan a nosa contorna, atraen profesionais do mundo das artes e fortalecen a marca de Ponteareas como Concello creativo e innovador”.

Pola súa parte, a concelleira de Emprendemento Silvia Fdez. Táboas destacou que esta cuarta edición fomentará “o encontro creativo e emocional entre artistas, abrindo camiños entre tradicións e xerando contidos que reinterpreten a música de raíz dende unha mirada contemporánea”.

O Concello de Ponteareas é o primeiro de Galicia en contar cunha residencia de artistas de titularidade municipal, reafirmando o seu compromiso coa creación contemporánea e a dinamización cultural e rural do territorio.

Programa de actividades

A residencia arrancará cunha visita guiada polo centro histórico de Ponteareas e continuará coa palestra de Patricia Hermida, xestora cultural e manager.

O mércores 22, Xurxo Fernandes, Faustino Núñez, Sarayma e Eduardo Prieto impartirán talleres centrados na fusión entre a tradición galega e o flamenco. Pola tarde, sumaranse Sabela Maneiro (Tanxugueiras) e Lucía Sánchez (Fundación Paco de Lucía).

O xoves 23, a xornada abrirá coa emisión en directo de RNE e continuará cunha mostra musical con Ángel Carmona, Kin Martínez (Esmerarte) e Patricia Hermida, rematando coa actividade “Corpo, emoción e escena” a cargo de Fran Sieira, e “O que nos levamos” con Hermida e Núñez.

Cultura como motor de desenvolvemento

“A importancia de sumar esforzos entre administracións e entidades rurais é clave para activar a cultura como motor de desenvolvemento e identidade territorial”, sinalou a alcaldesa Nava Castro, quen subliñou que Ponteareas se sitúa “á vangarda da creación artística en Galicia, ofrecendo oportunidades reais para a innovación cultural e o intercambio entre artistas e comunidade”.

Comparte este artigo