- Colocación de pérgolas de sombreado na Praza Bugallal, un centro de día en Xinzo, un centro de día en Guláns, a execución da nova biblioteca municipal, novo edificio para a unidade de atención temperá en ASPRODICO e de Atención Temperá ou a instalación de sensórica de apoio aos maiores son algúns dos proxectos
O Concello de Ponteareas vén de conseguir o maior respaldo económico da súa historia: máis de 11 millóns de euros procedentes dos fondos FEDER 21-27, unha cifra que permitirá impulsar unha decena de proxectos transformadores para a vila.
“A execución de grandes proxectos que mellorarán o día a día da veciñanza comeza hoxe e non será un mero discurso, será unha realidade”, explicou a concelleira de Urbanismo e Axenda 2030, Silvia Fernández Táboas, tras coñecer a resolución provisional que sitúa a Ponteareas como un dos concellos máis beneficiados destes fondos europeos.
Do papel á realidade
O Plan de Actuación Integrado de Ponteareas (PAI) materializará un modelo de desenvolvemento máis sostible, inclusivo e moderno, que vai desde novas infraestruturas sociais ata solucións dixitais de acompañamento para maiores. “Con isto lograríamos os nosos obxectivos de goberno”.
Entre as iniciativas destacan:
• A construción de dous centros de día en Xinzo e Guláns.
• A creación da nova biblioteca pública municipal.
• Novo edificio para a unidade de atención temperá en ASPRODICO.
• A instalación de sensórica e domótica en vivendas de maiores, pioneira en Galicia.
• Unha Casa da Cultura en Pías e o remate da de Padróns.
• A mellora da Praza de Bugallal con pérgolas de sombreado.
Cinco eixos de futuro
Segundo Fernández Táboas, a estratexia pivota sobre cinco eixos: cohesión social, dixitalización, impulso económico, rexeneración urbana e sustentabilidade ambiental. Todo isto en liña coa Axenda Urbana Española, as políticas da Unión Europea e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
Compromiso coa cidadanía
A alcaldesa, Nava Castro, subliñou que este logro “é froito do traballo constante de chamar a todas as portas posibles, de contar con expertos e de escoitar ás veciñas e veciños para deseñar proxectos á medida das súas necesidades”.
“Este financiamento permitirá actuar alí onde máis se precisa: nas persoas maiores, nos demandantes de vivenda, no tecido comercial e nas rúas e prazas que queremos facer máis atractivas para vivir e para visitar”, concluíu a rexedora.

