O Consorcio Provincial Contraincendios da Coruña refórzase con dous vehículos autoescada

adminON
Lectura mínima de 3
  • A Xunta e a Deputación da Coruña acordaron a adquisición deste equipamento destinado aos parques de bombeiros con sede en Arzúa e As Pontes de García Rodríguez
  • Con esta incorporación, todas as comarcas na que interveñen os parques dependentes do consorcio contarán con vehículos de rescate en altura

O Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo Contraincendios e de Salvamento da Coruña, integrado e participado ao 50% pola Xunta e a Deputación, adquiriu dous vehículos autoescada cun investimento de 330.000 euros. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou no acto de recepción do material, realizado no parque de bombeiros de Carballo, sede do consorcio provincial.

O novo equipamento vai destinado ao parque con sede en Arzúa, que tamén atende aos concellos de Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Vilasantar; e ao parque con sede no concello das Pontes de García Rodríguez, que tamén se ocupa dos municipios de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume, San Sadurniño e As Somozas.

Diego Calvo remarcou que esta adquisición forma parte do compromiso do Goberno galego na atención ás emerxencias en toda a comunidade, neste caso para apoiar a actividade dos parques de bombeiros a través dos consorcios. Con estas dúas adquisicións, destacou o conselleiro, todas as comarcas nas que interveñen os nove parques dependentes do Consorcio Provincial da Coruña disporán de vehículos de rescate en altura.

Os novos vehículos serven principalmente para labores de salvamento e rescate, así como de plataforma de traballo para alturas de ata 32 metros. Entre outras características técnicas, o equipo está montado sobre unha torre que permite xiros de 360 grados e conta con accionamento hidráulico. Na parte final dos tramos dispón dunha cesta desmontable para facilitar as tarefas dos profesionais. Esta plataforma pode soportar uns 270 quilos e albergar a tres persoas, ademais de dispoñer de armarios para material e equipo auxiliar e dun soporte específico para despregar unha padiola.

O conselleiro incidiu en que, pese a tratarse dunha competencia municipal, a Xunta colaborou este ano con 16 millóns de euros para garantir o servizo contraincendios en toda Galicia a través dos consorcios, asumindo a metade dos custos para a adquisición de material e para o funcionamento dos consorcios provinciais. Tamén, dentro do compromiso cos servizos de emerxencias, o Goberno galego realizou nos últimos anos un investimento de máis de 28 millóns de euros para dotar de material ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

Comparte este artigo