A psicóloga rosaleira afondará na problemática de vivir con présa este xoves 30 de maio ás 17.30 horas no Café Bar San Martiño, en Martín
O estrés e a ansiedade forman parte da vida cotiá. Nun mundo con altas demandas laborais, familiares e sociais e cun ritmo de vida acelerado facer fronte ao día a día supón un desafío constante. Para identificalo, poñerlle cara e afondar na súa problemática e como combatelo, a psicóloga rosaleira Andrea Iglesias falará sobre ‘Ansiedade e estrés. Vivir con présa’ no peche de tempada dos ‘Cafés en Igualdade’.
Será nunha nova cita con este programa do Concello do Rosal que se celebrará este xoves 30 de maio a partir das 17.30 horas no Café Bar San Martiño, de Martín. Iglesias traballa principalmente con nenas, nenos e adolescentes e imparte obradoiros e charlas sobre diferentes temáticas, como a presión estética, cuestión que abordou xa na anterior edición dos ‘Cafés en Igualdade’. Agora, afondará ante o público no estrés e na ansiedade, nos síntomas físicos e psicolóxicos negativos que poden carrexar e sobre como facerlle fronte.
Os ‘Cafés en Igualdade’ nacen da man do Concello do Rosal co obxectivo de achegar á veciñanza temas de actualidade dun xeito ameno e distendido, nesta edición levando a igualdade a todos os recunchos e percorrendo ademais os barrios. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, subliña a importancia desta iniciativa que permite “establecer espazos de convivencia e aprendizaxe para abordar novas temáticas dende o coñecemento, o diálogo, o respecto e a reflexión, espazos nos que unirse e explorar temas que nos preocupan a todas e todos, enriquecéndonos con diferentes perspectivas e experiencias”.
O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024.