O Servizo Galego de Saúde garante a atención sanitaria pública e de calidade en Catoira e avanza que se reforzará a pediatría cando haxa profesionais para contratar

adminON
Lectura mínima de 3
  • O xerente do Sergas explica no Parlamento que o centro de saúde desa localidade conta con dúas prazas de medicina de familia, dúas de enfermería e con pediatría presencial un día á semana, apoiada polos profesionais de Vilagarcía de Arousa
  • Detalla que en Catoira se realizan cada ano máis de 22.000 consultas de medicina de familia e case 19.000 consultas de enfermería
  • Indica que a ratio de pacientes por médico mantense estable e semellante á media galega
  • Remarca que o período vacacional do pediatra de Catoira foi cuberto cunha substitución

A atención sanitaria pública e de calidade no concello de Catoira está garantida e o Servizo Galego de Saúde seguirá a traballar para mellorala. Así o remarcou o xerente do Sergas, José Ramón Parada, na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, onde avanzou que se reforzará a pediatría en canto haxa profesionais desta especialidade dispoñibles para contratar.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o xerente explicou que o centro conta con dúas prazas de medicina de familia, dúas de enfermería e con consulta de pediatría presencial un día á semana, apoiada polos profesionais de Vilagarcía de Arousa.

As urxencias están cubertas as 24 horas e a actividade asistencial mantense en niveis semellantes aos últimos anos.

O xerente detallou que en Catoira se realizan cada ano máis de 22.000 consultas de medicina de familia e case 19.000 consultas de enfermería, e a ratio de pacientes por médico mantense estable e semellante á media galega, demostrando que a capacidade asistencial non se reduciu.

José Ramón Parada incidiu que os datos da actividade asistencial do Servizo Galego de Saúde reflicten que durante a semana do 18 ao 22 de agosto se atenderon no centro de saúde de Catoira 524 pacientes, dos que 264 foron atendidos por médicos, fronte ás 226 persoas atendidas nese mesmo período de tempo do pasado ano.

Tamén remarcou que o período vacacional do pediatra de Catoira foi cuberto cunha substitución, de xeito que a poboación infantil deste concello dispuxo de atención específica este verán.

O xerente incidiu no problema da falta de médicos e de pediatras que afecta a todo o Sistema Nacional de Saúde, recoñecido polos informes do propio Ministerio de Sanidade como un dos maiores desafíos actuais, e que é competencia do Goberno central o solucionalo.

A este respecto, e no ámbito das súas competencias, a Xunta aprobou unha lei que permite cubrir prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos, incrementou as prazas MIR de medicina de familia e pediatría, estabilizou profesionais mediante ofertas de emprego anuais e mellorou as condicións laborais dos médicos de atención primaria.

Comparte este artigo