O concello de Ponteareas outorga as axudas de apoio á cultura nas casas e centros culturais

adminON
Lectura mínima de 2

O Concello de Ponteareas vén de conceder as subvencións de apoio á cultura destinadas a casas e centros culturais. En total, informa o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura Juan Carlos Glez. Carrera, apoiuse a actividade destes centros con 40.000€.

Dezanove casas e centros culturais recibiron o respaldo do Concello con importes que acadan ata preto dos catro mil euros nalgúns dos centros. “Non nos cansaremos de recoñecer o importante papel que desenvolven as casas culturais. Son fundamentais para as parroquias porque achegan a cultura ás veciñas e veciños e tamén posibilitan a realización de actividades de lecer, deportivas e lúdicas nun espazo agradable e preto dos fogares”.

Ao longo do ano as casas e centros culturais ofertan cursos gratuítos dentro do programa deseñado pola Concellería de Cultura, organizan festas e encontros, sendo un motor social indispensable. “Non hai mellor xeito de combater a soedade que compartindo, ou mellorar a saúde mental aprendendo ou seguir conservando a ilusión de adquirir novas habilidades. As casas e centros culturais fortalecen as relacións entre veciñas e veciños”, sinala a alcaldesa Nava Castro.

A liña de subvencións para casas e centros culturais supón unha clara aposta do Concello de Ponteareas para apoiar aos centros e casas culturais do municipio no desenvolvemento das súas actividades e programas. O obxectivo é converter estes espazos en referentes culturais e lugares de encontro para os veciños de todas as parroquias da localidade.

Comparte este artigo