O Concello de Ponteareas informa que a exposición “Alfonso Quinteiro: Alma de Ponteareas” acadou máis de 1.500 visitas antes do seu peche. Inaugurada a finais de novembro, en apenas dous meses esta exposición atraeu a un importante número de público que quixo coñecer a prolífica obra deste creador ponteareán.
Polifacético e multidisciplinar Alfonso Quinteiro é un dos máis destacados artistas de Ponteareas. Na residencia Artistea o público achégase á figura deste mestre escultor podendo aprezar máis de corenta obras entre pinturas, retratos e esculturas.
Artistea acolle tamén a exposición Cerámica Castrexa con auténticas xoias rescatadas do pasado, algunhas do Castro de Troña e do Castro de Fozara que se pode visitar ata o 16 de febreiro.
O Concello dinamiza o centro urbano a través da arte e devolve a Ponteareas o seu histórico vencello co mundo da cultura.

