As Neves presenta a súa XXXII Feira do Requeixo e Mel en FITUR 2025

adminON
Lectura mínima de 2

Hoxe, no marco da prestixiosa Feira Internacional de Turismo (FITUR), o alcalde de As  Neves, José Manuel Alfonso, deu a coñecer a XXXII edición da Feira do Requeixo e Mel,  un evento declarado Festa de Interese Turístico de Galicia. Esta celebración única terá  lugar os días 18 e 19 de abril de 2025, coincidindo, como é tradición, co Venres e Sábado  Santo. 

Na súa intervención, o alcalde destacou o valor cultural e gastronómico desta festa, que  leva máis de tres décadas honrando as raíces e tradicións da nosa terra. O requeixo,  elaborado de forma artesanal segundo as receitas transmitidas de xeración en xeración, é  o protagonista absoluto deste evento, acompañado sempre do mel da mellor calidade, un  tesouro que reflicte a riqueza natural do noso territorio. 

José Manuel Alfonso resaltou tamén a importancia desta celebración como un punto de  encontro para veciños e visitantes, converténdose nun escaparate do mellor de As Neves:  produtos auténticos, tradición e hospitalidade. “A data mantense intacta ano tras ano,  converténdose nunha cita ineludible para quen desexe gozar da nosa cultura e  gastronomía en Semana Santa”, sinalou. 

A XXXII Feira do Requeixo e Mel de As Neves promete, unha vez máis, ofrecer unha  experiencia única, onde a tradición e a calidade se unen para conquistar os padais de todos  os asistentes.

Comparte este artigo