• Os voceiros de todos os grupos da Corporación repartirán información e convidarán a participar na lectura do manifesto e concentración que terá lugar o venres día 17
• Ademais celebrarán unha reunión mañá día 11 no centro cultural de Xinzo ás 20:00 horas para deseñar accións de presión
A Plataforma pola Defensa da Seguridade na N-120 e a Corporación do Concello de Ponteareas solicitan o apoio de toda a cidadanía para urxir ao Estado as obras de mellora da seguridade no tramo desta estrada en Ponteareas.
Por este motivo, mañá sábado os voceiros de todos os grupos da Corporación repartirán información diante da Casa do Concello e convidarán ao encontro informativo no centro cultural de Xinzo aberto a todas as veciñas e veciños de Ponteareas porque, salientan dende a Plataforma, que “é cousa de todos circular e vivir nunha contorna segura”. Deseñar as accións para urxir ao Estado a licitación das obras de mellora é un dos obxectivos desta reunión que terá lugar ás 20:00 horas na que tamén darán conta do estado do proceso que, a día de hoxe, está pendente de aprobación definitiva na Dirección Xeral de Estradas, unha vez concluídos xa os dous procesos de exposición pública.
Ademais, Plataforma e Corporación piden a participación da cidadanía no pleno que se convocará para o vindeiro 17 de xaneiro cun único punto na orde do día, acadar un acordo municipal para esixir ao Ministerio de Transportes a licitación das obras da N-120. Unha vez celebrado o pleno darase lectura ao manifesto e terá lugar a concentración que reclamará ao Estado rematar coa perigosidade dun tramo que discorre por unha zona de alta densidade de poboación e tráfico denso no que conviven peóns e vehículos.
Plataforma e grupos da Corporación chaman á mobilización e difundirán a través das casas e centros culturais das parroquias información convidando a participar nas diferentes accións que promoverán.

