José Flores acudiu á xuntanza acompañado do seu equipo técnico para analizar a situación antes da reunión que manterá en brevo o alcalde co conselleiro por este tema.
O alcalde da Lama, David Carrera e o tenente de alcalde José Fortes, trasladáronlle esta mañá ao xerente da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Flores, e ao seu equipo técnico a necesidade perentoria de acometer unha reforma integral do Centro de Saúde do municipio que presenta severas deficiencias, reclamadas desde hai tempo polo Concello, e que precisan dunha solución global que pasaría pola substitución total da cuberta e unha mellor redistribución de espazos interiores.
Esta xuntanza técnica prodúcese de xeito previo á audiencia que lle concederá en breve o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para tratar en profundidad este tema e adoptar medidas que, segundo manifestou o alcalde David Carrera, “deberían ir orientadas a unha reforma integral do Centro de Saúde ou a construción dun novo. Nós apostamos por unha rehabilitación total coa substitución da cuberta e unha mellor redistribución interior do espazo esistente xa que o ambulatorio está ubicado nun lugar idóneo, céntrico, con amplo aparcamento e conectado con todo tipo de servizos, pero queremos ver cos técnicos a mellor solución para que a nosa veciñanza estea o mellor atendida posible”.
David Carrera mostroulles in situ a José Flores e aos membros do seu equipo as deficiencias que presenta o Centro de Saúde e, xa sobre plano no despacho de Alcaldía, propúxolle as solucións técnicas que desde o Concello se plantexan e que van orientadas a unha reforma integral do Centro de Saúde que inclúe o cambio total da cuberta, para resolver os problemas de humidades e deficiencias de aforro enerxético e calefacción, así como unha nova redistribución dos espazos do inmoble máis acaída coas necesidades e os servizos que se prestan no Centro de Saúde e que virían a modernizar desde un punto de vista operativo e de eficiencia todo o centro sanitario”.
José Flores e o seu equipo recolleron con agrado as propostas do alcalde e comprometéronse a analizalas en profundidade así como valorar económicamente o investimento co fin de que poidan ser afrontadas, si así se considera, do xeito máis axeitado posible dentro dos procedementos administrativos e orzamentarios que manexa a Consellería de Sanidade e a propia Xunta de Galicia para afrontar os plans de arranxo e mellora das infraestruturas sanitarias da Comunidade Autónoma.
Ademais, os responsables do Sergas aproveitaron a visita ao Centro de Saúde da Lama para comprobar o funcionamento e a atención sanitaria aos usuarios, o nivel organizativo dos servizos que se prestan que xiran en torno a dúas consultas de atención primaria, Pediatría e servizo de enfermería.
Pola súa banda, David Carrera, valorou moi positivamente esta xuntanza técnica, previa á que manterá en breve co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e manifestou que “creo que estamos no bo camiño para dar unha solución integral a este centro, que precisa dun investimento importante e unha implicación total por parte da administración autonómica e da local, como é lóxico, e como é unha propidade para o noso goberno e para a veciñanza, seguro que vai ser atendida pola Consellería”, indicou o alcalde da Lama.

