• Domínguez defende con orgullo que son “un partido aberto, próximo e comprometido coas necesidades reais dos pontevedreses, que nos situaron como a forza máis votada da corporación municipal, coa responsabilidade que iso conleva”
• O líder popular agradece as propostas para converter Pontevedra en “unha cidade máis limpa e segura, reforzando os servizos sociais, mellorando as condicións de vida nos barrios e as parroquias, ou erradicando os problemas para acceder ás instalacións deportivas municipais”
O presidente do Partido Popular da cidade de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a secretaria xeral do PP local, Pepa Pardo, mantiveron unha reunión con 40 afiliados para escoitar as súas inquietudes e suxestións.
Diante do exalcalde da cidade entre 19995 e 1999, Juan #Luis Pedrosa, e o resto de asistentes, Domínguez expresou o seu agradecemento e defendeu con orgullo que os populares sexan “un partido aberto, próximo e comprometido coas necesidades reais dos pontevedreses, que nos situaron como a forza máis votada da corporación municipal, coa responsabilidade que iso conleva desde a oposición”.
Un dos principais obxectivos da convocatoria era fixar as liñas de traballo sobre as que pivotarán as accións dos 11 concelleiros populares do Concello de Pontevedra, ademais de animar aos afiliados para “contribuír coas súas ideas para deseñar a capital da provincia que todos queremos”.
O líder do PP explicou aos asistentes o seu proxecto político baseado na creación de emprego estable, reorganización do tráfico coa apertura de Raíña Victoria e o aumento de aparcamentos disuasorios, seguridade cidadá, traslado do mercadillo á Alameda, plan de mellora de barrios e parroquias, redución da carga impositiva, negociación cos traballadores públicos e un aumento das partidas económicas destinadas aos servizos sociais e ás axudas para as entidades deportivas.
A próxima convocatoria dos populares celebrarase a semana que vén, con dúas novas reunións do Comité Executivo e a Xunta Directiva Local da formación.

