A Deputación colabora con Fundamar e Funpromar para poñer en marcha unha investigación sobre as mulleres do mar na ría de Pontevedra

adminON
Lectura mínima de 2

A institución provincial aporta 10.000 € ao proxecto Estadía Sereas 2024, que pretende identificar os impactos do cambio global valorizando os roles femininos no sector mariño

A Deputación de Pontevedra colabora con Fundamar e Funpromar para poñer en marcha o proxecto Estadías Sereas 2024 de investigación sobre as mulleres do mar na Ría de Pontevedra e as consecuencias económicas e sociais do efecto do cambio global dende unha perspectiva de xénero. A institución provincial aporta 10.000 euros para o proxecto, 5.000 € para cada entidade, que pretende identificar os impactos específicos do cambio global proporcionando estratexias de adaptación e o desenvolvemento de prácticas sostibles, valorizando os roles femininos no sector mariño e xerando ferramentas para a transferencia de coñecemento á sociedade.

A través de Estadías Sereas 2024 búscase que esas figuras femininas sexan referentes de inspiración para creadores, facendo énfase no seu papel protagonista, e contribuír á democratización no acceso á investigación. O obxectivo é realizar un estudo inédito sobre as mulleres do mar na Ría de Pontevedra a través da creación dun espazo de colaboración e traballo en rede entre persoal investigador e persoal de Fundamar e Funpromar.

Como parte deste proxecto crearase un comité científico-técnico, que elaborará un plan de traballo no marco de Sereas. Posteriormente, procederase ao análise e recompilación documental, que sentará as bases dos contidos dos produtos finais do proxecto. Para iso desenvolveranse visitas a arquivos provinciais, ademais de entrevistas e procuras en internet e noutros medios. O resultado final publicarase no portal Sereas e, ademais, elaborarase un audiovisual.

Comparte este artigo