A Deputación destina máis de 20.000 euros para que 19 entidades sociais da comarca do Morrazo poidan realizar actividades culturais

adminON
Lectura mínima de 3

O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 400 e os 2.500 euros para actividades de posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia tanto no territorio propio como no exterior

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de máis de 20.000 euros para que 19 entidades ou asociacións sen ánimo de lucro de Bueu, Cangas e Moaña poidan realizar actividades culturais. En total, as axudas oscilan entre os preto de 400 e os 2.500 euros para actividades de posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia. “Seguimos, desta maneira, apoiando a cultura e ao sector cultural da provincia. Estamos ao seu carón para que poidan poñer en marcha iniciativas que cheguen a todos os habitantes da provincia –explicou o presidente provincial, Luis López-. Porque o acceso á cultura debe ser universal, e queremos contribuír a iso”.

En concreto, trátanse de dúas liñas de subvencións, dotadas cun total de 290.000 euros que chegarán a 228 entidades de 45 concellos. A primeira, para a posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia, tamén para festivais, mostras, encontros ou certames culturais, así como para actividades centradas na pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada, conta cun orzamento de 250.000 € e dela beneficiaranse 188 entidades da provincia. A segunda liña, dotada de 40.000 euros, chega a 40 asociacións para que poidan participar en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais, ou para intercambios culturais que potencien o patrimonio musical e cultural da provincia pero que se celebren fóra de Galicia.

Na comarca do Morrazo, 16 asociacións de Bueu e Cangas recibirán achegas da primeira das liñas por un total de 18.000 euros: tres de Bueu contarán con 5.617 € e outras 13 de Cangas con 13.029 €. No caso da liña 2, son tres as asociacións de Cangas e Moaña as que contarán cun total de 3.000 € de axudas para as súas actividades culturais: unha de Cangas recibirá 745 € e dúas de Moaña 2.430 €.

Comparte este artigo