• As sesións arrancarán este mércores na Biblioteca de Cela ás 17.30 horas e continuarán nas próximas semanas nas outras bibliotecas co obxectivo de achegar a lectura á cativada
• O programa culminará o 24 de outubro na biblioteca de Bueu coincidindo co Día das Bibliotecas
O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura e bibliotecas, arranca este mércores, 9 de outubro, coas actividades do “Outubro de contos”, un programa que se insire no proxecto “Ler conta moito” que conta co financiamento da Xunta de Galicia, e que se estenderá ao longo de tres semanas polas tres bibliotecas municipais. A primeira das actividades será “Animaladas” de Teatro Calavera, da que se poderá gozar mañá na Biblioteca Municipal de Cela, ás 17.30 horas. Nela atopamos á exploradora Jeanne Baret, quen convida ao público a unha misión na selva de Pitiminí, que aínda que non é moi grande está chea de misterios e especies por descubrir. Para iso terán que achegarse moi de preto e ir somerxéndose na natureza salvaxe onde coñecerán diferentes historias a través da narración de contos.
A seguinte será o martes 15, á mesma hora, na Biblioteca Municipal de Beluso, coa actividade “Onde viven os monstros” de Carmen Domech, unha historia chea de humor e diversión, na que Max crea na súa habitación un mundo imaxinario onde é libre. Libre mesmo para ser monstro, o máis monstro de todos. Na súa aventura, desafía aos seus propios medos, a frustración, a rabia, a incomprensión ou o temor ao rexeitamento.
O programa rematará o xoves 24, coincidindo coa celebración do Día das Bibliotecas, e farao na Biblioteca Municipal de Bueu, onde se poderá gozar da obra de títeres “O traxe novo do rei” de Tarabelos, na que se conta a historia dun traxe especial, para un rei especial, que promete caprichos inigualables e mesmo incrementa a intelixencia de quen o viste.
Dende a concellaría de cultura e bibliotecas, dirixida por Carmen García, xa se organizaron outros dos ciclos de contos en abril e maio, que colleitaron gran éxito de público e que amenizaron as bibliotecas como espazos de encontro entre maiores e cativada.
A información sobre as actividades pode consultarse completa na web de Ler Conta Moito.

