O Concello de Nigrán colabora no ‘I Memorial Odilo Dosil Quintela’ organizado este sábado polo Club de Fútbol Veteranos de Priegue

adminON

Un torneo entre todos os equipos de veteranos de Nigrán renderá homenaxe ao que foi o primeiro presidente e fundador do Priegue C.F., ademais de concelleiro e impulsor do campo municipal de Condomínguez

“Esta é a mellor maneira de recordar ao meu pai, xogando, é o que a el lle gustaría”, explica Cristina Dosil. “Fundou unha institución deportiva que transmitíu os mellores valores do deporte e era unha persoa moi comprometida co municipio e moi apreciada, por iso no ano 2019 recibíu un recoñecemento público na I Gala do Deporte do Concello de Nigrán”, subliña o rexedor

O Concello de Nigrán colabora co Club de Fútbol Veteranos de Priegue para ofrecer este sábado 31 de agosto a partir das 17:30 horas en Condomínguez o ‘I Memorial Odilo Dosil Quintela’, adicado a quen foi o primeiro presidente deste clube, concelleiro de Deportes do municipio e impulsor do propio campo de fútbol. O torneo será disputado por todos os equipos de veteranos da localidade: Dunas-Tapería o Druída, Chandebrito, Racing Vilariño e os anfitrións, o Priegue. Deste xeito, o futbol nigranés e o Concello desexan render unha homenaxe pública a quen foi unha figura histórica na promoción do deporte na localidade, Odilo Dosil Quintela, falecido no ano 2020 aos 74 anos. Este será ademais o partido elixido por Odilo Dosil Valverde para colgar as botas tras terse formado como futbolista no clube que fundou o seu pai en 1980. Estará acompañado na grada pola súa irmá e concelleira de Relacións Veciñais, Xuventude e Festas, Cristina Dosil, e do propio alcalde, Juan González, en representación de toda a corporación.

“Estou moi agradecida aos clubes de Nigrán por ter organizado este torneo, esta é a mellor maneira de recordar ao meu pai, xogando, é o que a el lle gustaría”, explica Cristina Dosil, quen recorda que “a súa vida estivo adicada ao futbol, desde pequeno xogando no orfanato de Panxón a xa maior sendo presidente do Priegue”. “Fundou unha institución deportiva que transmitíu os mellores valores do deporte e era unha persoa moi comprometida co municipio e moi apreciada, por iso no ano 2019 recibíu un recoñecemento público na I Gala do Deporte do Concello de Nigrán xunto a Jorge Souto, presidente histórico do Racing Vilariño”, subliña o rexedor, quen lles entregara persoalmente esta distinción.

Odilo Dosil Quintela (Vigo, 1946- Nigrán, 2020) pasou a súa infancia no orfanato de Panxón tras ter morto o seu pai na mar cando era un neno. Alí comezou a xogar ao fútbol e a amar o deporte. No asteleiro vigués Barreras coñeceu a súa muller, Josefa Valverde, natural de Priegue e onde formaron a súa familia, con tres fillos, Odilo, Marta e Cristina. Foi nesta parroquia na que fundou en 1980 o Priegue Club de Fútbol, pasando por el diferentes xeracións de mozos ata a súa desaparición no ano 2001, cando o clube se transforma no Nigrán Club de Fútbol que, finalmente, no 2010 se fusiona coa ED Val Miñor, permanecendo desde a súa orixe o equipo de veteranos que agora organiza este memorial. Comprometido socialmente, Odilo Dosil Quintela foi un dos fundadores da agrupación socialista de Nigrán e concelleiro de Deportes independente co primeiro alcalde democrático da localidade, o centrista Modesto Valverde. Desde este cargo político impulsou a creación do campo municipal de Condomínguez. Emprendedor tamén no eido laboral, Dosil fundou a súa propia empresa de compravenda de mariscos que actualmente leva o seu fillo.

Comparte este artigo