Domínguez esixe a Lores o cumprimento dos “estándares de limpeza minimamente esixibles” nunha capital de provincia

adminON
Lectura mínima de 3

• O xefe da oposición lembra que o contrato do lixo é de 1999 e que o Concello foi incapaz de licitar un novo servizo despois de oito prórrogas consecutivas

• O PP percorre os barrios e parroquias para sacar fotografías do mal estado dos contedores, onde se acumulan as bolsas de lixo e outros restos que provocan “cheiros nauseabundos e unha contaminación que afecta á vida diaria dos veciños”

Os concelleiros e o portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, percorreron os contedores do centro urbano e das parroquias da cidade para evidenciar “a falta de mantemento e a incapacidade do Goberno local para cumprir os estándares de limpeza minimamente esixibles nunha capital de provincia”.

O xefe da oposición reclamou que se acelere o novo contrato da recollida do lixo, que os responsables municipais comprometéronse a licitar en agosto de 2024 por última vez, despois de varios intentos errados ao crear unhas bases que non interesaban a ningunha empresa do sector.

Desde que se terminou a vixencia do contrato actual, aprobado antes de que #Miguel Anxo Fernández Lores erixísese como alcalde en 1999, o Concello supera as oito prórrogas do contrato, mentres a prestación do servizo devalúase cada día.

“Pontevedra está sucia porque os traballadores da limpeza non teñen os medios nin os recursos necesarios para prestar un servizo de calidade. O BNG salgue cada dous meses en prensa anunciando o mellor contrato do lixo da historia e o único certo é que, cada vez que chegan os visitantes e as festas, acentúase un problema de sucidade co que convivimos os residentes durante todo o ano”, lamentou Domínguez en rolda de prensa.

O líder do PP puxo dous exemplos para evidenciar o “deixamento, absolutamente vergoñosa” do goberno de Lores neste tema: os comerciantes que tiveron que limpar as rúas eles mesmos para acceder aos seus negocios tras o paso da Batalla das Flores e as queixas dos traballadores da empresa Prezero, encargada da limpeza urbana e da recollida do lixo en Pontevedra, que reclaman solucións urxentes.

Tamén mostrou fotografías de contedores de Arcebispo Malvar, San Antoniño, Ponte Sampaio, Mourente, A Santiña, etc. nos que se acumulan bolsas de lixo e outros restos que provocan “cheiros nauseabundos e unha contaminación que altera a vida diaria dos pontevedreses do centro urbano, barrios e parroquias”.

No ámbito do rural, volveu a expresar o malestar de todo o grupo municipal co Concello polo “malgasto irresponsable” do diñeiro que sae das arcas municipais cada ano, desde 2015, para pagar por un terreo na Canicouva onde “nin está, nin seguramente se vaia a construír” a planta de compostaxe.

Comparte este artigo