– O concelleiro Pedro Villaverde acordou coa voceira dos ambulantes, Alexandra Malvido, as novas datas para asegurar o dereito ao traballo do colectivo. As feiras suspendidas pola coincidencia con festas locais celebraranse finalmente o 13 de maio, o 13 de xuño e o 28 de agosto.
O Concello de Redondela, a través da Concellería de Feiras e Mercados, quere informar á cidadanía e aos profesionais do sector que se alcanzou un acordo satisfactorio cos vendedores ambulantes para a recolocación das datas de mercado que coincidían coas principais festividades da vila.
O concelleiro responsable, Pedro Villaverde, acordou coa representante dos vendedores, Alexandra Malvido, as datas alternativas para as feiras que deben suspenderse o 6 de maio (Festa do Choco), 6 de xuño (A Coca) e 21 de agosto (Entroido de Verán). O Goberno local aceptou a proposta presentada polo colectivo. Villaverde destacou a vontade de diálogo do Concello: “A nosa prioridade é facer compatibles as nosas festas máis emblemáticas coa actividade económica dos vendedores”. Deste xeito, o Concello confirma que se aplicará o “principio de non eliminación” solicitado polos ambulantes, garantindo que non se perdan as xornadas de venda. O calendario definitivo para as feiras recolocadas será o seguinte:
- A feira do 6 de maio trasládase ao 13 de maio.
- A feira do 6 de xuño trasládase ao 13 de xuño.
- A feira do 21 de agosto trasládase ao 28 de agosto.
Con esta medida, o Concello de Redondela reafirma o seu apoio ao comercio ambulante como unha institución consolidada na vila e agradece a disposición de Alexandra Malvido para atopar unha solución técnica que non interfira na loxística das festas locais e que respecte o dereito ao traballo do colectivo.

