A actuación, adxudicada a Castro Figueiro S.L. por 750.000 euros, permitirá transformar un dos principais accesos ao núcleo urbano de Arcade.
Uns traballos que se levarán a cabo ao abeiro do Plan Extra 2025 da Deputación Provincial.
O vindeiro xoves, 27 de agosto, asinarase o inicio da obra.
O Concello de Soutomaior vén de adxudicar á empresa Castro Figueiro S.L. as obras de mellora da accesibilidade e humanización da rúa Roxelio Landeiro, no tramo comprendido entre a rúa Fonte do Conde e a rúa Rosalía de Castro, por un importe de 750.000 euros que se levarán a cabo ao abeiro do Plan Extra 2025 da Deputación Provincial.
A actuación, da cal se asinará o inicio de obra o vindeiro xoves, 27 de agosto, conta cun prazo de execución de oito meses, que se verá reducido este período en oito semanas é decir, en 6 meses totais, grazas á mellora ofertada pola empresa adxudicataria, polo que os traballos poderán estar rematados antes do prazo inicialmente previsto.
A intervención permitirá continuar coa transformación urbana de Arcade e avanzar cara a un modelo de vila máis sostible, accesible e pensado para as persoas. O proxecto forma parte da renovación integral do núcleo urbano impulsada polo Goberno municipal e supón un novo paso na recuperación e posta en valor dos espazos públicos.
A actuación foi posible tras a transferencia ao Concello da titularidade dos tramos da PO-264 correspondentes ás rúas Xosé Solla, Roxelio Landeiro e Calvario, unha demanda histórica que o executivo local conseguiu materializar despois de case dous anos de negociacións coa Xunta de Galicia.
As actuacións previstas foron acordadas entre o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, nun encontro celebrado na Delegación Territorial da Xunta en Vigo. Froito dese acordo, a Xunta asumirá a execución das obras de mellora na baixada a Ponte Sampaio, mentres que o Concello desenvolverá a actuación correspondente á rúa Roxelio Landeiro.
O proxecto supón unha transformación profunda dun dos espazos máis relevantes do centro de Arcade. A actual vía presenta un importante estado de deterioro e unha configuración marcada polo tráfico rodado e pola insuficiencia dos espazos destinados ás persoas. Coa actuación crearase un ámbito urbano renovado, integrado na contorna histórica da ponte de Ponte Sampaio e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza.
As obras contemplan a utilización de materiais nobres, como pedra e adoquín, así como a creación de novos espazos de convivencia mediante plataformas únicas, zonas verdes e novo mobiliario urbano. O obxectivo é mellorar a mobilidade peonil, incrementar a seguridade viaria e favorecer a actividade social e económica nesta zona do núcleo urbano de Arcade.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “a adxudicación desta obra supón un novo paso adiante na transformación urbana que estamos impulsando en Arcade. Estamos a recuperar espazos públicos para as persoas e a crear unha contorna máis accesible, segura e amable para a veciñanza”.
A adxudicación desta actuación e sinatura do inicio desta obra constitúe un novo fito no proceso de modernización do núcleo urbano de Arcade e dá continuidade ao importante volume de investimentos que o Concello de Soutomaior está a mobilizar para mellorar as súas rúas e espazos públicos.
Con esta intervención, o Goberno municipal continúa avanzando no seu compromiso coa mellora da accesibilidade, a recuperación dos espazos para as persoas, a revitalización urbana e a creación dun Soutomaior máis habitable e preparado para o futuro.

