O Pleno do Concello de Mos deu conta da liquidación do exercicio 2025, na que a alcaldesa, Nidia Arévalo, destacou a consolidación da estabilidade económica municipal e que segue a manter a evolución positiva das contas públicas.
Segundo os datos expostos, o Concello de Mos pechou o exercicio cunha estabilidade de 333.082,92 euros, confirmando a tendencia favorable dos últimos anos.
Un dos indicadores máis relevantes é o remanente de tesourería, que supera os 556.000 euros, o que reflicte a capacidade do Concello para facer fronte ás súas obrigas sen comprometer a prestación dos servizos públicos.
No que respecta á débeda, esta continúa descendendo ata situarse no 13,51%, moi por debaixo do límite permitido, consolidando unha situación financeira saneada e con marxe de xestión. Tamén resulta positivo o resultado presupostario axustado, que se sitúa en máis de dous millóns de euros (2.038.447,73 euros).
A alcaldesa puxo en valor no pleno que estes resultados son compatibles cunha política fiscal estable: “Levamos cos impostos municipais conxelados desde o ano 2012, demostrando que é posible mellorar as contas sen aumentar a presión fiscal sobre a veciñanza”.
Por outra banda, na mesma sesión plenaria aprobouse por maioría un recoñecemento extraxudicial de crédito de pouco máis de 1.700.000 euros, correspondente a obrigas derivadas de servizos prestados ao Concello, e nas que se inclúen unha importante cantidade (de máis de medio millón de euros) correspondentes a facturas do ano 2025 recibidas no ano 2026.
O goberno local subliñou que se trata de gasto real e acreditado, que se incorpora á contabilidade municipal con criterios de transparencia e responsabilidade. Neste contexto, Arévalo lembrou que a xestión municipal estivo condicionada pola normativa estatal, que limita o uso dos remanentes: “Non sempre podemos empregalos con liberdade, xa que a lexislación estatal obriga en moitos casos a destinalos á amortización de débeda en lugar de a gasto corrente”.
A rexedora sinalou, pese a todo, que, a pesar destas limitacións, o Concello de Mos foi quen de ordenar as súas contas e manter o equilibrio financeiro.
A liquidación de 2025 confirma unha evolución sostida das contas municipais, pasando de exercicios con dificultades financeiras a unha situación actual de equilibrio, cun remanente de tesourería positivo e cunha redución imporante da débeda. Nidia Arévalo concluíu que “Mos conta hoxe cunha economía municipal ordenada, solvente e preparada para seguir garantindo servizos públicos de calidade”.

