A actividade estivo guiada pola mosense Patricia Martínez, campioa do mundo de baile deportivo
O Concello de Mos, a través da área de Educación, desenvolveu nestes días unha actividade educativa centrada no baile deportivo dirixida ao alumnado de 2º de primaria dos centros educativos do municipio, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Danza.
A iniciativa, integrada na programación educativa 2025-2026 e no marco do “Proxecto Vida Saudable”, ten como obxectivo achegar o baile deportivo aos máis pequenos como ferramenta de expresión, actividade física e desenvolvemento persoal.
A actividade estivo guiada por Patricia Martínez, unha destacada deportista mosense, con ampla traxectoria nacional e internacional no ámbito do baile deportivo, quen amosou ao alumnado as bases desta disciplina, combinando explicacións, demostracións prácticas e xogos de iniciación.
Durante as sesións, que tiveron unha duración aproximada de 50 minutos, o alumnado puido coñecer diferentes estilos de baile, adquirir nocións básicas de movemento e coordinación, así como traballar valores como o respecto, a convivencia, a perseveranza e os hábitos saudables.
O programa desenvolveuse nos centros educativos do municipio CEIP Petelos, CEIP Atín, CEIP Pena de Francia, CEIP Mestre Martínez Alonso e CEIP Mestre Valverde Mayo.
Desde o Concello de Mos sinalan que esta proposta busca non só fomentar a actividade física desde idades temperás, senón tamén impulsar o coñecemento dunha disciplina artística e deportiva con crecente presenza no ámbito educativo.
O Día Internacional da Danza, celebrado cada 29 de abril desde 1982 por iniciativa do Instituto Internacional de Teatro da UNESCO, pretende recoñecer esta forma de expresión universal e promover a súa presenza na sociedade sen barreiras culturais.

