Será a fin de semana do 23 e 24 de maio cunha proposta de tradición, deporte e gastronomía
A parroquia de Guizán, en Mos, converterase esta fin de semana nun escenario de inspiración galaico-romana coa celebración da primeira edición da Festa Galaico-Romana Santiaguiño-Celta, unha cita organizada pola Comisión de Festas de Santiaguiño e o Club Deportivo Santiaguiño de Guizán, coa colaboración do Concello de Mos e da Comunidade de Montes de Guizán.
A programación desenvolverase durante toda a fin de semana, con actividades continuas desde as 11:00 horas e unha proposta centrada na cultura popular, a música tradicional, os xogos e a gastronomía.
O sábado 23 arrancará cun pasarrúas de fauna e zancudos, ao que seguirá teatro infantil da man de “Las Astrolocas”, sorteos e a actuación da batucada Tabaleiros da Istoria. Ao longo da tarde haberá tamén concursos tradicionais como o tiro á corda e distintas actuacións de gaiteiros que ambientarán o recinto durante toda a xornada.
Un dos momentos máis destacados do sábado chegará ás 22:00 horas co espectáculo de lume “Terra de Fires”, unha exhibición visual e escénica que servirá como peche da primeira xornada da festa.
Xa o domingo 24 continuarán os pasarrúas e a música tradicional con gaiteiros, ademais de diferentes sorteos e actividades abertas ao público. Entre os actos máis destacados figura o gran concurso da Tarta de Santiago, no que as persoas participantes poderán presentar as súas elaboracións nun certame que buscará poñer en valor unha das sobremesas máis representativas da gastronomía galega.
A programación completarase con exhibicións e actividades como tiro con arco, concurso de cabalos e un gran partido homenaxe, ademais dunha ampla zona de xogos populares durante todo o día, con bolos celtas, petanca, loita, billarda, buxainas, zancos, carreira de sacos, xadrez, aros e tiro á corda.
O recinto contará tamén con arredor de 15 postos confirmados, diferentes food trucks e zona gastronómica con porco ao espeto, nun ambiente pensado para o goce familiar e a convivencia veciñal.
Como parte da programación, celebrarase tamén un torneo de fútbol base no que participarán preto de 20 equipos das categorías biberón, prebenxamín, benxamín e alevín.

