Marta Nóvoa pon en valor o traballo dos empregados públicos locais como “persoal indispensable para resolver os problemas da veciñanza”

Redacción

A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa, participou hoxe na inauguración da xornada organizada por esta institución xunto a “Vento Abogados & Asesores”, para analizar os retos actuais do emprego público local

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle este encontro no que máis de media ducia de prestixiosos xuristas e expertos debaterán sobre cuestións clave como a estabilización do persoal, o rexistro horario, as canles de denuncia e as últimas novidades xurídicas

A Deputación de Ourense, en colaboración con “Vento Abogados & Asesores”, organizan unha xornada no Centro Cultural Marcos Valcárcel para analizar os retos actuais do emprego público local na que participan prestixiosos xuristas e expertos.

A vicepresidenta primeira do goberno provincial, Marta Nóvoa puxo en valor o traballo que realizan os empregados públicos das administracións locais como “persoal indispensable para resolver os problemas da veciñanza”. Así mesmo destacou a importancia desta xornada que aborda cuestións de “gran interese e complexidade que nos esixe aos que estamos ao fronte das administracións coñecer as novidades e os cambios lexislativos nesta materia”.

Neste sentido, Marta Nóvoa sinalou que as entidades locais afrontan un escenario complexo marcado polos cambios normativos constantes, a necesidade de atraer e reter talento no territorio, os procesos de estabilización do emprego ou a urxencia de dixitalizar os proceso con garantías xurídicas.

Polo tanto, desde a Deputación de Ourense como “aliados estratéxicos dos concellos da provincia, organizamos estas xornadas para que contribúan a resolver ese complexidade administrativa e que non supoña unha parálise para o noso rural”, dixo a vicepresidenta primeira do goberno provincial.

Baixo o título a “Problemática actual do emprego público nas entidades locais”, este foro de debate e formación máis de media ducia de expertos analizan cuestións clave como a estabilización do persoal, o rexistro horario, as canles de denuncia e as últimas novidades xurídicas.

Todas as mesas están moderadas por técnicos da propia Deputación de Ourense, fomentando o debate e a resolución de dúbidas prácticas de todos os asistentes antes do acto de clausura oficial previsto para as 14.00 horas.

Comparte este artigo