O BNG impulsa hoxe en Vilagarcía un acto sobre militarismo na súa campaña “Na Galiza: Paz, Soberanía, Dereitos”

Redacción

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) convoca á cidadanía a asistir ao acto público “Na Galiza: Paz, Soberanía, Dereitos”, que terá lugar hoxe mércores 27 de maio ás 20:00 horas no Salón García, antiga Biblioteca Municipal de Vilagarcía.

Esta iniciativa forma parte da campaña que o BNG presentou en diferentes puntos de Galiza para denunciar o que cualifica como un proceso de crecente militarización da vida pública impulsado desde as institucións do Estado e asumido con normalidade pola Xunta, e para rexeitar o aumento do gasto militar e das actividades vinculadas co exército no país. 

A formación nacionalista alerta de que no actual contexto internacional as dinámicas bélicas e o gasto en armamento repercuten negativamente na vida das maiorías sociais e chama a dar voz a alternativas baseadas na paz, a soberanía dos pobos e o respecto aos dereitos fundamentais. 

No acto de Vilagarcía, de hoxe 27 de maio, o BNG ofrecerá unha reflexión aberta e colectiva sobre estes temas e defenderá a necesidade de colocar as prioridades sociais por riba das loxías militares, na procura de solucións pacíficas e solidarias que respecten os dereitos das persoas e das nacións. 

A organización anima á veciñanza e á militancia a participar deste encontro, no que se abordarán as consecuencias da militarización na economía, na educación e na propia vida cotiá da poboación galega, así como o compromiso do BNG coa defensa da paz e o rexeitamento ao militarismo. 

No acto intervirán Mª Eulalia González, en representación do Consello Local do BNG; Duarte Correa, analista internacional; e Bieito Lobeira, membro do Consello Nacional do Bloque. As achegas das persoas participantes permitirán analizar con profundidade o contexto actual e reflexionar sobre as alternativas pacifistas e soberanistas que defende a organización nacionalista.

Comparte este artigo