Petelos dará o “pistoletazo de saída” á 53ª Festa da Rosa coa Rosiña e o lanzamento do foguete

Redacción

A nota musical correrá a cargo da Orquestra Asia

A Praza do Concello, en Petelos, converterase o venres 12 de xuño no epicentro do inicio oficial da 53ª Festa da Rosa cunha intensa xornada festiva pensada para todos os públicos.

A programación arrancará pola mañá coa celebración de “A Rosiña”, unha actividade dirixida aos escolares que se desenvolverá entre as 10:00 e as 13:00 horas e que volverá encher a Praza do Concello de xogos, animación e ambiente festivo para os máis pequenos.

Xa pola noite terá lugar un dos momentos máis esperados e simbólicos da programación: o tradicional lanzamento do foguete de inicio da Festa da Rosa, previsto para as 22:00 horas, co que Mos dará oficialmente a benvida aos días grandes da súa celebración máis emblemática.

A continuación, a música tomará o protagonismo coa actuación da recoñecida Orquestra Asia, unha das formacións máis destacadas do panorama musical galego, que actuará tamén na Praza do Concello tralo lanzamento do foguete. Xa dende unha hora antes haberá food trucks con comida e bebida a cargo de bares e hostaleiros do municipio.

Desde o Concello de Mos convidan á veciñanza e visitantes a participar nunha xornada que combina ocio familiar, tradición e música en directo, e que marcará o arranque oficial dunha nova edición da Festa da Rosa, declarada de Interese Turístico de Galicia.

Comparte este artigo