O BNG solicita a humanización integral da estrada PO-504, poñendo o foco nas zonas onde se concentra a actividade de hoteis e comercios

Redacción

Os nacionalistas presentaron unha moción no último Pleno, rexeitada polo Partido Popular, na que defenderon a necesidade de dotar á estrada, da que a Xunta de Galicia é titular, de fórmulas de calmado de tráfico, dotación de sendas peonís e supresión de barreiras arquitectónicas que dificultan a mobilidade

O concelleiro e voceiro Octavio González lamentou que, unha vez máis, Telmo Martín “poña por diante as siglas antes que a seguridade e as inquedanzas da veciñanza”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) advirte da situación de perigosidade e da falta de seguridade viaria que existe en boa parte da estrada PO-504, que une o núcleo de Sanxenxo coa parroquia de Vilalonga.

Especialmente preocupante é o estado do tramo onde se concentran un maior número de hoteis, establecementos turísticos e comercios, nos que existen carecencias evidentes en materia de accesibilidade e mobilidade. É por iso polo que os nacionalistas propoñen que a Xunta de Galicia, titular da vía, acometa a redacción dun proxecto integral de humanización no que é “un dos eixos principais de comunicación do municipio e un corredor fundamental para a actividade turística, hoteleira e comercial da localidade”.

O voceiro nacionalista, Octavio González, advirte de que “un concello turístico de referencia como é Sanxenxo debe avanzar cara un modelo urbano máis accesible, inclusivo, sostible e seguro, garantindo o dereito a unha mobilidade universal e unha mellor calidade de vida, tanto para residentes como para visitantes”. No caso da PO-504, isto pasaría por habilitar paseos peonís accesibles, que “favorecerían a mellora da seguridade viaria e un turismo inclusivo e de calidade”. Entre as carencias e deficiencias existentes actualmente ao longo desta estrada, destacan as beirarrúas estreitas “ou en moitos casos directamente inexistentes”, denuncia González. A isto hai que engadir as innumerables barreiras arquitectónicas, que dificultan o desprazamento a persoas maiores ou ás que padecen problemas de mobilidade reducida, ademais dunha insuficiente iluminación pública. Outro problema a atallar é o exceso de velocidade nalgúns tramos, cuestión que o BNG entende que tamén debe ser tida en conta. “É preciso incorporar medidas de calmado do tránsito de vehículos, como o reforzo da sinalización horizontal e vertical e a reordenación do tráfico e dos estacionamentos”, sinala o edil do Bloque. A eliminación de barreiras arquitectónicas, a dotación de beirrarúas accesibles, os rebaixes homologados en pasos peonís, a instalación de pasos de peóns elevados, a dotación de mobiliario inclusivo ou a instalación de ramplas adaptadas son outras das propostas que menciona o BNG, que tamén aposta pola vía participativa, establecendo un proceso de diálogo con asociación veciñais, representantes dos sectores hostaleiro e comercial e con entidades que representan a persoas discapacitadas, para escoitar as súas demandas e telas en conta.

Outra demanda histórica que o Bloque quere que se cumpra é a de que a Xunta de Galicia acometa unha redución de edificabilidade correspondente coa liña da calzada, disminuíndoa por cambio de vía interurbana a posible núcleo urbano consolidado. O grupo nacionalista defendou esta proposta a través dunha moción presentada no último Pleno ordinario, que foi rexeitada polo Partido Popular. “Coma sempre, Telmo Martín e o seu equipo de Goberno dan preferencia ás siglas antes que á seguridade e ás inquedanzas da veciñanza, pero no BNG imos a continuar traballando para lograr que esta actuación se faga realidade, como tantas outras que o PP rexeitou en sesións plenarias pero que logo o Concello realizou, como a creación dunha aula de estudo ou o arranxo de vías municipais no rural”, conclúe Octavio González.

Comparte este artigo